Buscador

Carlos Blanco ofrecerá un segundo pase do seu espectáculo en Ribeira
Whatsapp: Carlos Blanco ofrecerá un segundo pase do seu espectáculo en Ribeira

Dada a alta demanda para o espectáculo A penúltima, de Carlos Blanco, que terá lugar no novo Auditorio municipal de Ribeira no 8 de maio, o Concello e a produtora Condetrespés acordan lanzar un segundo pase. Será no mesmo día, ás 22.30 horas.

Carlos Blanco é un dos humoristas máis recoñecidos da escena galega e nacional. En A penúltima presenta un monólogo cómico de aproximadamente 70 minutos no que combina material novo e clásico, garantindo risas e unha conexión directa co público. O espectáculo está recomendado para maiores de 16 anos.

"O espectáculo de Carlos Blanco tivo moi boa acollida e, nesta semana, case se esgotan a totalidade das entradas. Por iso, para que ninguén quede sen a oportunidade de rir a esgalla, dende a Concellería de Cultura e a produtora optamos por ter un segundo pase. O compromiso do Concello de Ribeira é férreo, de aí a cantidade de propostas culturais que temos non só no Auditorio municipal, senón tamén noutros centros culturais do municipio e nas nosas súas", en palabras da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.

A venda das entradas para este segundo pase comeza no luns, 9 de marzo, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase simultaneamente na páxina web www.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 14 euros, máis gastos de xestión.