Buscador

O Concello de Ribeira resulta beneficiario dunha subvención para a mellora do mercado municipal
Whatsapp: O Concello de Ribeira resulta beneficiario dunha subvención para a mellora do mercado municipal

O Concello de Ribeira resulta beneficiario dunha subvención da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para a mellora do mercado municipal. Do importe de 171.769,22 euros, a Administración autonómica aporta un 80%, que se corresponde con 137.415,38 euros. Esta achega servirá para a climatización, a reparación do pavimento da terraza, o pintado da fachada e estrutura do beirado, a substitución de iluminación de chan no perímetro do edificio, e reposición do alumeado nas escaleiras do terceiro andar.

A este respecto, o concelleiro de Mercados, Vicente Mariño, mantivo unha reunión telemática co director xeral Gabriel Alén cara a tratar a execución desta intervención. "É unha oportunidade para seguir mellorando as prestacións aos praceiros e praceiras e, en consecuencia, á cidadanía de Ribeira. Temos produtos de excelentísima calidade a vender nunhas instalación que queremos que tamén acaden a excelencia", indica o edil.

Trátase dunha medida máis cara a consecución do selo Mercado Excelente e en vindeiras datas convocarase a Mesa Local de Comercio.

Xa a comezos de ano se adxudicou o contrato para os servizos de diagnose de situación e usos do mercado municipal e formación mentoring para os praceiros; tamén financiada ao 80% a través dunha subvención concedida pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia.