
O Museo do Gravado de Artes continúa celebrando o seu 25 aniversario cunha dobre cita cultural: a proxección de Lodeiro. O documental e a inauguración da exposición Lodeiro. Obra gráfica. A alcaldesa de Ribeira e presidenta da Fundación do Museo de Artes do Gravado (FMAG), María Sampedro, participou no venres 13 no acto dedicado ao artista galego Xosé Lodeiro, quen faleceu hai 30 anos. "Este pintor e gravador xa non está con nós, pero si o seu talento a través da súa ampla obra que perdurará para que poidamos coñecer a súa maneira de ver o mundo. Diso se trata a arte: reflexión e proxección dunha realidade dende diferentes perspectivas", manifestou a rexedora.

A mostra consta de 11 serigrafías máis 60 pezas de linogravados e xilografías, así como 16 matrices de linográficas e xilográficas. Trátase dunha serie que permite facer unha viaxe por unha das voces propias da arte galega da segunda metade do século XX e "o seu legado artístico transmítenos as súas conviccións e compromisos sociais", apuntou a mandataria local.
O público pode observar nas obras a singularidade de Lodeiro e o seu estudo das formas; a relación da figuración e abstracción, a loita entre a superficie e a profundidade.
Sampedro rematou a súa intervención poñendo en valor o cuarto de século de historia do MUGART "que, dende o rural, eríxese como un dos máximos referentes do gravado a nivel internacional."
