Buscador

O Concello de Ribeira conmemora o 120 aniversario do título de cidade cun acto institucional no 23 de marzo
Whatsapp: O Concello de Ribeira conmemora o 120 aniversario do título de cidade cun acto institucional no 23 de marzo

Ribeira está de celebración con motivo do aniversario do seu nomeamento co título de cidade en 1906 por parte do Rei don Alfonso XIII; 120 anos de historia e memoria colectiva que o Concello quere rememorar cunha programación especial que presentou hoxe a alcaldesa, María Sampedro.

"Neste 2026 cumprimos 120 anos como cidade e queremos festexar ese orgullo cun acto no que o Cronista Oficial de Ribeira nos explicará parte da nosa historia vencellada a este fito histórico e como chegou o noso municipio a recibir ese título. Aproveitaremos tamén para distinguir a Xosé María Fernández Pazos, pois non se celebrou ningún acto oficial de toma de posesión como Cronista dende que foi nomeado no 2023", explica a rexedora, quen tamén anuncia que o monólito antes emprazado no Centenario volverá presidir este lugar.

A mandataria local tamén manifesta que se desenvolverá a primeira edición da Xornadas Históricas de Ribeira que "activar, en sentido figurado, a máquina do tempo para coñecer máis sobre a nosa historia recente e poñer en valor sucesos e persoeiros do noso municipio. Coñecer o pasado axuda a entender un pouco mellor o presente. De aí a motivación desta iniciativa."

O acto institucional conmemorativo terá lugar no luns, 23 de marzo, ás 19.00 horas, no novo Auditorio municipal. Alí farase a distinción a Xosé María Fernández Pazos, Cronista Oficial de Ribeira, despois do seu nomeamento no 2023. Unha cita na que tampouco faltará o toque musical con Miguel González Maceiras ao piano, así como o talento do grupo tradicional Os Liantes. A entrada é de balde e a apertura de portas será dende media hora antes do inicio do evento.

Despois a acción trasladarase á praza do Centenario para, tralas obras realizadas neste espazo público, repoñer o monólito inaugurado no 15 de xullo de 2006 con motivo do centenario do outorgamento do título de cidade; momento no que as Súas Maxestades os Reis don Juan Carlos e dona Sofía visitaron o municipio.

A fotografía que ilustra o cartel do evento é primeira imaxe tomada de Ribeira no ano 1895.

Primeira edición das Xornadas Históricas

A maiores, impartirase a primeira edición das Xornadas Históricas de Ribeira, do 24 ao 27 de marzo, ás 19.00 horas, na sala polivalente do Auditorio municipal. A entrada é de balde e abriranse as portas media hora antes do inicio de cada conferencia.

O Cronista Oficial de Ribeira, Xosé María Fernández Pazos, falará sobre Manuel Lustres Rivas, mestre de xornalistas e referente do galeguismo ribeirense, no martes 24; mentres que o Cronista Oficial de Cenlle e membro da Real Academia Galega, Clodio González Pérez, fará o propio con Os cruceiros de capela do Concello de Ribeira: estudo artístico e histórico, no mércores 25.

Xa no xoves 26 será a quenda do director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio Jesús González Millán, con A presenza dos Valle-Inclán polas terras de Ribeira; e no venres 27 tocará asistir ao coloquio do membro da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos, e O ribeirense Xosé Ramón Barreiro Fernández, o historiador que lle deu voz á Galicia contemporánea.