Buscador

Ribeira emprenderá unha andaina solidaria no 12 de abril a favor de BarbanTEA
Whatsapp: Ribeira emprenderá unha andaina solidaria no 12 de abril a favor de BarbanTEA

A terceira edición da andaina solidaria da Asociación de Trastornos do Espectro Autista do Barbanza (BarbanTEA) convida a calzar zapato cómodo no domingo, 12 de abril, para percorrer unha distancia de cinco quilómetros. O itinerario partirá dende o parque García Bayón, ás 10.00 horas, para ir a carón de parte do litoral da cidade pola zona de Coroso.

Durante a presentación, o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, reafirmou o compromiso da Administración local con este tipo de citas que unen a práctica deportiva cun fin solidario. "Unha vez máis, Ribeira amosa o seu lado solidario facendo esta andaina para apoiar aos nenos, nenas e adultos con trastornos do espectro autista", manifestou o edil, quen engadiu que a dificultade é baixa para facilitar a participación da cidadanía.

Pola súa parte, a secretaria da entidade, Milagros Torrado, explicou que esta é a terceira edición desta andaina que promove BarbanTEA dende a súa fundación no 2024. "Somos unha asociación que naceu do perdidas que nos sentíamos as familias e conseguimos crear un lugar seguro, tanto para familias como para usuarios. Agora queremos movernos moito, sobre todo, pola adolescencia e a muller; a muller autista que sempre é a máis discriminada á hora de diagnóstico e atención", precisou.

No que respecta á prohibición da participación de cans na andaina, Torrado puntualizou que "hai que ter en conta que moitos dos nosos usuarios teñen fobia cara os cans e supón unha situación desagradable para moitas delas e deles."

O prazo de inscricións xa está aberto e existen tres vías para formalizarse: a través da páxina web www.galitiming.com, nas accións formativas de BarbanTEA ou no propio parque no día do evento. A doazón establécese nos 5 euros, se ben as crianzas de 0 a 3 anos asistirán de balde. Ademais, habilítase a fila 0 para quen non poida participar, pero desexe tomar igualmente parte do fin solidario.