Buscador

O Concello de Ribeira abre penalidades ao contrato da subministración da iluminación decorativa de Nadal
Whatsapp: O Concello de Ribeira abre penalidades ao contrato da subministración da iluminación decorativa de Nadal

O Concello de Ribeira inicia o expediente de penalidades ao contrato de subministración da iluminación decorativa do Nadal no 2025/2026 por detectar "incidencias, anomalías e incumprimentos no transcurso do período de duración do subministro", segundo se extrae do informe emitido por persoal técnico municipal. A empresa adxudicataria resultou ser TECMODECO S.L. por un prezo total de 159.720 euros, IVE incluído, tras saír o proceso a licitación.

Considéranse, no total, 16 faltas graves, resultando máis de 10 no período no que estivo en vigor o dito contrato. En consecuencia, imponse unha sanción económica de 200 euros por cada unha destas faltas graves, así como a incautación da garantía definitiva por importe de 6.600 euros -que no seu día foi depositado polo adxudicatario- e que isto se faga efectivo deducíndoo da cantidade a aboar no momento do pago da factura.

"As empresas deben de cumprir coas obrigas que se lles esixe no momento de presentarse a unha licitación. Durante o Nadal detectáronse unha serie de eivas na aplicación do contrato que, se ben, foron comunicadas, moitas delas non foron resoltas. A apertura deste expediente de penalidades é un exercicio de responsabilidade na xestión pública e dos cartos de tódolos veciños e veciñas", explica a alcaldesa, María Sampedro.