
O artista ribeirense Fran Sieira bailará no novo Auditorio municipal de Ribeira no 2 de maio, ás 20.00 horas, acompañado en directo polo dúo galego Caamaño&Ameixeiras co espectáculo BenQuerer. Trátase dunha peza íntima e emocional que conecta co cotiá e cos procesos de adaptación ante os cambios. Reflexiona sobre como as persoas asumen máis do que, quizais, lles corresponde. En definitiva, afonda sobre querer ben ou quererse ben
"Di o refraneiro popular que ‘ninguén é profeta na súa terra’, pero aquí temos a este ribeirense que rompe con esta frase. Fran é un gran artista que nos fai desfrutar a todos coa súa arte na danza. A cultura é un medio a través do que explorar a vida e amosar a perspectiva da mesma a través das distintas disciplinas artísticas. Con BenQuerer, este ribeirense ofrece o resultado dun proceso creativo persoal e íntimos e convídanos como público a reflexionar sobre a importancia do autocoidado emocional, o amor propio e o respecto a un mesmo", en palabras da alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, na compaña da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.

Segundo o propio artista, Fran Sieira, BenQuerer "é como unha curación" para superar sensacións como a do síndrome do impostor e, con especial significado ao facelo na súa terra: "é cerrar un círculo."
Pero non é a primeira vez que Fran Sieira actúa en Ribeira, pois en todas as súas xiras estivo presente o municipio.
Como novidade, este espectáculo será inclusivo ao incorporar recursos específicos de accesibilidade para persoas con discapacidade auditiva e visual.
A venda das entradas comeza no xoves, 9 de abril, a partir das 09.00 horas. Como xa é habitual, farase paralelamente na páxina web www.ataquilla.com e de maneira presencial na Oficina de Atención Cidadá da casa consistorial. Para aquelas persoas que opten por adquirilas nas dependencias municipais, o horario será de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas. O prezo sitúase nos 4,50 euros, máis gastos de xestión.