
O Concello de Ribeira continúa dando pasos en materia de servizos sociais para mellorar a calidade de vida da súa veciñanza, facendo especial fincapé naquelas en risco de exclusión social. En consecuencia, a Administración local adxudica ao contrato de servizos para a execución dun programa de reforzo educativo a menores de familias usuarias do Departamento de Servizos Sociais.
Trátase dunha medida que busca ofrecer clases de reforzo co fin de apoiar o rendemento académico da rapazada, así como as súas perspectivas laborais futuras adaptando a intervención á idade, nivel madurativo e necesidades específicas do alumnado. A finalidade principal é, polo tanto, combater as consecuencias do risco de exclusión social mediante a promoción do éxito educativo, prevendo o abandono escolar e facilitando que o alumnado obteña o título da ESO; unha titulación clave para romper o círculo da vulnerabilidade e abrir camiños cara a inclusión sociolaboral.
Entre os obxectivos específicos figuran o reforzo das competencias curriculares básicas; a promoción de hábitos de estudo e organización persoal; o fomento do desenvolvemento de habilidades socioemocionais; ou a promoción da igualdade de xénero.
Ao proceso concorreron un total de tres empresas, resultando mellor valorado o proxecto Saberes. O prezo do contrato sitúase nos 13.200 euros, exento de IVE, por período dun ano (dende abril de 2026 ata abril de 2027), con posibilidade de prórroga de dous meses.