Buscador

O Club de Lectura das Amas de Casa de Ribeira achegouse á obra de Otero Pedrayo
Whatsapp: O Club de Lectura das Amas de Casa de Ribeira achegouse á obra de Otero Pedrayo

Preto dunhas 40 persoas do Club de Lectura da Asociación Amas de Casa de Ribeira participaron na tarde do xoves, 16 de abril, nunha lectura compartida sobre a obra en prosa de Ramón Otero Pedrayo con motivo da conmemoración do 50º aniversario do seu pasamento. Esta actividade organizada pola propia entidade, coa colaboración do Concello de Ribeira, desenvolveuse no Centro Cultural Lustres Rivas, a onde tamén se achegaron a alcaldesa, María Sampedro; o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño; e a edil de Educación, Nucha Brión.

Trala introdución efectuada pola técnica municipal do Servizo de Normalización Lingüística, Alicia Padín, as persoas asistentes deron lectura a fragmentos das novelas Os camiños da vida e Arredor de sí, con guión elaborado por Ángeles González, integrante do propio club de lectura.

A rexedora puxo en valor este tipo de iniciativas que contribúen a preservar o legado de escritores e coñecer máis a fondo a súa produción literaria. "Trátase dunha acción máis das múltiples que pon en marcha a Asociación Amas de Casa, desta vez, coa lectura como punto de encontro e de difusión de coñecemento. A elección do escritor é moi acaída por parte do club de lectura, pois neste 2026 celebramos o Ano Oteriano e puidemos mergullarnos nas palabras de dúas célebres novelas súas ao tempo que dinamizamos o uso da lingua galega. Foi un pracer participar nesta cita coa cultura e coa lingua nunha dinámica de grupo tan boa e con alta participación. Agardo que organicen máis iniciativas desta natureza", manifestou Sampedro.