Buscador

O Concello de Ribeira e Taller Alecrín convidan a bailar con motivo do Día Internacional da Danza
Whatsapp: O Concello de Ribeira e Taller Alecrín convidan a bailar con motivo do Día Internacional da Danza

O Día Internacional da Danza conmemórase cada 29 de abril, polo que o Concello de Ribeira, xunto a Taller Alecrín, convidan a bailar no domingo 26, ás 18.00 horas, no Malecón, a carón da OMIC. Baixo o nome Compromiso co Baile, este programa segue a liña de fomentar a participación e a educación da danza a través de eventos. En caso de chuvia, trasladarase ao interior da carpa a carón do mercado municipal.

As persoas interesadas poderán asistir de maneira gratuíta a esta mostra de linedance e baile social a modo de clase aberta a cargo dos participantes nos obradoiros que Taller Alecrín desenvolve actualmente en diferentes concellos coa colaboración de entidades públicas e asociativas como, por exemplo, a Asociación Amas de Casa e a Asociación Ambar. E o DJ Dani Fontaíña será o encargado de amenizar esta xornada de baile.

"En Ribeira celebraremos o Día Internacional da Danza; unha data sinalada pola UNESCO no 1982 en honor a Jean-George Noverre. Trátase dun medio de expresión artística máis que tamén queremos poñer en valor, pois diversifica a oferta cultural municipal. Ademais, o baile tamén ten moitos beneficios para a saúde e o estado anímico, ademais de fortalecer a interacción social", en palabras da concelleira de Cultura, Ana Barreiro.

As coreografías seguirán os ritmos do swing, country, pasodobre, bachata, merengue, chachachá, soul, disco e funky baixo a dirección de Franciso Muñiz, cun total de 14 propostas e algunha sorpresa, porque como apuntou a presidenta de Taller Alecrín, Lola López, este é un compromiso co baile que se enmarca no programa de actividades que desenvolve a entidade.