
O obradoiro dual de emprego Tahume XI desenvolverase novamente por parte do Concello de Ribeira, en asociación co de O Porto do Son, despois de que a Administración local ribeirense recibise nesta semana a resolución conforme é beneficiaria dunha subvención por importe global de 546.552 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
"Trátase dun programa mixto de formación e emprego dirixido a mellorar a empregabilidade no que nos involucramos Ribeira e O Porto do Son. Xa é un obradoiro consolidado en ámbolos municipios, mellorando as opcións de inserción no mundo laboral de moitos veciños e veciñas durante tódalas edicións previas, nas que foi todo un éxito. E, ademais de ter un forte impacto nas persoas participantes, tamén redunda positivamente no conxunto da sociedade, pois realizan as prácticas en mobiliario e espazos públicos", explica a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro.
Un total de 20 persoas poderán formarse neste obradoiro ao longo de nove meses a contar dende xuño deste mesmo ano; período no que asistirán ás especialidades de ‘Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble’; ‘Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais’; ‘Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes’; e ‘Traballos de carpintería e moble’.