
O Concello de Ribeira vende a totalidade das entradas para o seu Encontro das Persoas Maiores 2026 durante a xornada de apertura; unha cita que reunirá no 10 de maio a 900 comensais.
A xornada comezará ás 12.30 horas coa misa solemne na igrexa parroquial de Santa Uxía cantada pola Coral Polifónica Municipal. Unha vez remate, os autobuses sairán dende o Malecón, na entrada ao recheo portuario, con dirección ao complexo deportivo da Fieiteira, que se converterá nun salón de eventos para a ocasión, e onde está programada a recepción para as 13.30 horas.
Cada persoa pagou unha entrada de 25 euros por un menú que consta de primeiro prato con camaróns, cigalas e navalla; segundo prato con carrillera ibérica con pataca, sobremesa e bebidas variadas. O toque musical corre a cargo de Dani DJ, un profesional local.

O concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, manifesta que "un ano máis, a venda das entradas para este encontro foi todo un éxito. No mesmo día no que abrimos a adquisición das entradas, completamos o aforo. Agora toca traballar para perfeccionar todo para o xantar e desfrutar todos xuntos sentados á mesa no mes de maio."
A devandita entrada está numerada, é persoal e intransferible, indicando a mesa asignada. Resulta imprescindible para o acceso ao evento mostrar a entrada ao persoal encargado así coma, de ser o caso, acreditar a identidade.