Buscador

O Concello de Ribeira avanza para a municipalización da rúa do Porto acordando cos propietarios os convenios de cesión
Whatsapp: O Concello de Ribeira avanza para a municipalización da rúa do Porto acordando cos propietarios os convenios de cesión

O Concello de Ribeira avanza cara a consecución de que a rúa do Porto, na parroquia de Aguiño, pase a ser de titularidade pública. A Administración local asinará cos 13 propietarios a aprobación da relación de afectados por esta medida e notificará o presente acordo aos interesados para a subscrición dos respectivos convenios de cesión. A alcaldesa, María Sampedro, desprazouse na mañá do xoves, 30 de abril, ata o lugar acompañada do primeiro tenente de alcalde, Vicente Mariño, e do concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, para falar alí in situ cos veciños e rubricar xa gran parte dos ditos documentos.

Para chegar a este punto houbo que contactar cos propietarios, iniciar o expediente administrativo e aprobar a dación en Xunta de Goberno Local.

A rexedora manifestou que esta era unha "demanda histórica", pois esa rúa dá servizo a vivendas, un negocio e naves para resgardan embarcacións que faenan. Neste senso, a mandataria local comprometeuse a, unha vez se formalice a escritura pública dos terreos, facer o proxecto para dotar a esta rúa de case 150 metros lineais de servizos básicos como pavimento e saneamento. "Estamos nun terreo privado, que non é competencia municipal, e que, polo tanto, nunca puidemos actuar, nin asfaltar nin dotar dos servizos básicos que calquera rúa, de tanto tránsito como esta, merece", declarou Sampedro.