
O Concello de Ribeira continúa coa programación do Maio Cultural, onde hai tamén oco para o folclore cunha programación que pon o foco na lingua e letras galegas. Así, Tahúme celebrará o IX Festival Nacional de Folclore Entre folclores no sábado, 16 de maio, ás 19.00 horas, no novo Auditorio municipal.
No encontro participarán o Grupo de Baile e Música Tradicional Tahúme, de Ribeira; o Grupo de Coros y Danzas Hermita Nueva, de Sangonera la Verde, Murcia; e a Asociación Cultural Traspés, de Vigo. Haberá, ademais, mención de honra ás Pandereteiras de Anxeriz, de Tordoia.
"Como antesala ao Día das Letras Galegas, teremos unha xornada dedicada en exclusiva ao noso folclore, á nosa identidade. Aquí converxerá a tradición galega coa murciana con máis dun cento de participantes que subirán ao escenario para demostrarnos o seu talento neste Maio Cultural. Unha actividade máis que segue consolidando o noso novo Auditorio municipal como buque insignia da cultura", segundo declarou a concelleira de Cultura, Ana Barreiro.
A edil tamén tivo palabras de agradecemento para Tahúme polo seu "seu traballo a prol da nosa música e do noso baile, erixíndose como unha entidade con gran dinamismo dentro do noso tecido asociativo cultural. É un orgullo ver a vitalidade da que goza Ribeira nesta materia."
Na presentación tamén participaron a presidenta de Tahúme, Manuela Ayaso, e as vogais, Vanesa Lago, María José Núñez e Luísa Pinazas.
O acceso ao festival é libre ata completar o aforo.