Buscador

Patrimonio, fotografía e contorna dixital centran a oferta formativa de Camiños de Coñecemento e Experiencia en Ribeira
Whatsapp: Patrimonio, fotografía e contorna dixital centran a oferta formativa de Camiños de Coñecemento e Experiencia en Ribeira

A poboación maior de 50 anos poderá seguir formándose coa décima edición de Camiños de Coñecemento e Experiencia en Ribeira; o programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Esta convocatoria pon o foco no patrimonio, a fotografía e a contorna dixital seguindo a metodoloxía teórico-práctica.

A concelleira de Educación, Nucha Brión, declarou que xa "son dez anos nos que desde a Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa Consellería de Política Social, se nos achega o coñecemento científico ás persoas maiores de 50 anos dun xeito próximo e ameno. Teremos ocasión de mellorar o noso coñecemento sobre historia, documentalismo fotográfico e un uso máis proveitoso do móbil."

Pola súa parte, o edil de Servizos Sociais, Vicente Mariño, indicou que dende o seu departamento se apoiarán as saídas dentro deste itinerario formativo. "Entendemos que nunha sociedade o acceso ao coñecemento non pode entenderse como un privilexio reservado a unha etapa concreta da vida. Compartir experiencias e manterse intelectualmente activo é unha oportunidade permanente. E, neste programa, temos unha formación aberta e próxima para fomentar o envellecemento activo e o enriquecemento persoal", apuntou Mariño.

O seminario O documentalismo fotográfico: do Photo-Secession ás redes sociais marcará o inicio das clases no 5 de xuño, da man de Katia Cino Rouco, investigadora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica deste programa universitario, quen proseguirá no día 11 cun obradoiro.

José Manuel Vázquez Lijó, profesor doutor colaborador do IV Ciclo, ensinará sobre Pazos: microcosmos de antano no día 8 para levar a práctica a unha saída cultural ao Pazo de Goiáns no día 9.

E, no día 10, será a quenda de Álvaro Dosil Rosende, profesor da facultade de Ciencias da Educación, para aprender sobre O uso do móbil, sácalle partido e continuar coa lección no día 12.

As aulas impartiranse en horario de tarde, no Centro Cultural Lustres Rivas. A matrícula xa está aberta e formalizarase de balde nas propias dependencias culturais, no enderezo electrónico normalizacion@ribeira.gal ou no teléfono de contacto 981 835 650.