
Patrimonio, fotografía e contorna dixital son as tres temáticas nas que se centra a décima edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Camiños de Coñecemento e Experiencia en Ribeira.
Máis de medio cento de veciños e veciñas que superan os 50 anos de idade participan neste proxecto que comezou na tarde do venres, 5 de xuño, co Centro Cultural Lustres Rivas como epicentro formativo. Acompañada da directora do IV Ciclo na USC, Esther Olveira, a concelleira de Educación, Nucha Brión, achegouse ata o lugar para saudar ás persoas participantes e comprobar o "éxito" dunha nova convocatoria, á que se suma tamén o IV Ciclo; uns proxectos que "fomentan o envellecemento activo da nosa veciñanza ao mesmo tempo que supón un enriquecemento persoal ao aprender sobre distintas temáticas."

O seminario O documentalismo fotográfico: do Photo-Secession ás redes sociais marcou o inicio das clases da man de Katia Cino Rouco, investigadora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica deste programa universitario, quen proseguirá no día 11 cun obradoiro.
José Manuel Vázquez Lijó, profesor doutor colaborador do IV Ciclo, ensinará sobre Pazos: microcosmos de antano no día 8 para levar a práctica a unha saída cultural ao Pazo de Goiáns no día 9.
Finalizarase no día 10 con Álvaro Dosil Rosende, profesor da facultade de Ciencias da Educación, para aprender sobre O uso do móbil, sácalle partido e rematar xa coa lección no día 12.