Buscador

Trece funcións integran a mostra de teatro de Ribeira dentro da programación cultural do outono
Whatsapp: Trece funcións integran a mostra de teatro de Ribeira dentro da programación cultural do outono

A dramaturxia volveu cobrar gran protagonismo na programación cultural do outono coa mostra de teatro que impulsa o Concello de Ribeira coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Un total de 13 funcións integran o cartel, con presenza maioritariamente galega, con ribeirenses como Quico Cadaval e Susana Sampedro, se ben tamén haberá unha nacional con María Galiana e, por primeira vez, outra internacional. Ademais, o Grupo Municipal de Teatro aproveitará para estrear a súa última obra. Todas elas representaranse no novo Auditorio municipal, aos venres, ás 21.15 horas.

Durante a presentación, a alcaldesa, María Sampedro, puxo de manifesto "a importancia das artes escénicas no calendario municipal de actividades para seguir desfrutando da cultura durante os meses de outono. Maioritariamente subiranse ás táboas compañías galegas, pero tamén temos unha nacional e, por vez primeira na historia da mostra, haberá presenza internacional. Teremos elencos excepcionais con magníficas historias que nos farán gozar da dramaturxia co seu talento. E aquí haberá tamén un toque local co noso Grupo Municipal de Teatro para facernos partícipes a tódolos veciños e veciñas do seu bo facer."

Tamén se pronunciou a concelleira de Cultura, Ana Barreiro, para quen "cun cartel desta envergadura non hai escusa para quedar na casa. Toca seguir desfrutando da cultura, do teatro, no noso buque insignia da cultura como é o novo Auditorio municipal, onde ver a compañías que se dedican profesionalmente ás artes escénicas, así como a nosa benquerida compañía local. Seguimos así co noso compromiso de dinamizar a vida cultural do noso municipio durante todo o ano."

A primeira en levarse a escena será Manual de patronaxe, de Teatro do Noroeste, no 25 de setembro; seguida de Yo solo quiero irme a Francia, de Contraproducións, no 2 de outubro; estrea absoluta de Comed[IA], de Piscore, no 9 de outubro; Os dous de sempre, de Producións Teatrais Excéntricas, no 16 de outubro; Slips inside, de Okidok, no 23 de outubro; Reconversión, de Ibuprofeno Teatro, no 30 de outubro, o cal é o espectáculo máis premiado na última edición dos María Casares; Bernarda, de Malasombra Producións, no 6 de novembro; O meu pai naceu o mesmo ano que Mick Jagger, de Tarabela Creativa, no 13 de novembro; A louca historia de Galicia, de Fulano, Mengano e Citano, no 20 de novembro; Jastac Japi Jolidais, de Leti da Taberna, no 27 de novembro; Nas nubes, de Redrum Teatro, no 4 de decembro; e Go on!, de 42 Norte, no 11 de decembro.

Tamén haberá presenza local coa estrea de De tal pau..., do GMT de Ribeira, que servirá de clausura da mostra no 18 de decembro, cuxa entrada é gratuíta.

O prezo da entrada por cada unha das funcións (agás a do grupo municipal) establécese nos 4,95 euros (máis gastos de xestión), se ben o bono para a totalidade da mostra sitúase nos 35 euros (máis gastos de xestión). A adquisición farase a partir do 2 de setembro, mediante tarxeta bancaria na Oficina de Atención Cidadá, de luns a venres, en horario de 09.30 a 14.00 horas, ou a través da billeteira de www.ataquilla.com.

Documentos