
O Concello de Ribeira segue avanzando na mellora das instalacións deportivas mediante un convenio coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para a reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Carreira mediante unha axuda de 48.369,68 euros. Os existentes foron construídos hai aproximadamente 50 anos e, se ben foron obxecto de reparacións ao longo do tempo, o seu estado de deterioro actual obriga á execución dunha reforma integral dos mesmos para ofrecer unha prestación óptima ás persoas usuarias.
Neste campo de fútbol desenvolven a súa actividade o Carreira C.F., varios equipos base do Atlético Ribeira e as categorías sénior e veterana do C.D. Artes.
En consecuencia, os vestiarios dan servizo a centos de persoas, polo que a súa mellora tradúcese nunha contorna máis segura e saudable para a práctica deportiva. O seu deseño orixinal non responde ás necesidades actuais, pois os revestimentos, as redes de fontanería e o saneamento interno atópanse obsoletos.

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto ao concelleiro pola parroquia, Víctor Reiriz, e o presidente do Carreira C.F., Manuel Vendaval, fixo fincapé no compromiso "coa mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas e isto tamén abrangue, por suposto, as infraestruturas de todo tipo, tamén as deportivas. Este campo ten moita actividade e consideramos que é necesaria unha reforma integral dos vestiarios. Esta axuda permitiranos financiar a actuación e xa estamos traballando para sacala a licitación coa maior celeridade posible, sempre en diálogo co club para non interromper a súa actividade."
As obras suporán a substitución da fontanería, renovación do chan e azulexos, seis novos pulsadores para duchas, colocación de falso teito, pasteado, pintado de paredes non azulexadas, mellora da iluminación e dotación de dous termos eléctricos de 300 litros de capacidade cada un. Todo isto cun prazo de execución de mes e medio unha vez se adxudique.
Esta intervención súmase á construción da nova bancada por un importe de 260.000 euros, dentro do POS+2025 da Deputación da Coruña. "Despois dos cambios solicitados pola Deputación, xa temos a aprobación definitiva do proxecto, que se licitará en consonancia coas necesidades do club garantindo o servizo aos usuarios e a mellor época para a execución da obra", apuntou Sampedro.