Buscador

O Concello de Ribeira activa unha nova edición do programa de dinamización e promoción social das persoas maiores
Whatsapp: O Concello de Ribeira activa unha nova edición do programa de dinamización e promoción social das persoas maiores

Coa vista posta no novo curso académico 2026-2027, o Concello de Ribeira tamén prepara a volta ás aulas das persoas maiores cunha nova edición do programa de dinamización e promoción social con oito obradoiros para manterse activo a nivel mental e físico.

O novo curso estenderase dende o 5 de outubro de 2026 ata mediados de xuño de 2027, sendo esta a primeira vez que ten unha duración tan ampla. As accións a impartir son estimulación da mente-memoria, en tódalas parroquias; enriquecemento educativo, en Ribeira e Aguiño; lingua e cultura galega, en Ribeira; conversa en inglés, en Ribeira; artes plásticas, en Ribeira e Aguiño, co proxecto artístico Ayaso & Picasso & Xacobeo 2027, rematando cunha exposición bianual; taek-health, en Aguiño e con dous grupos en Ribeira; ximnasia adaptada, en tódalas parroquias; e cantares e tradicións, no centro social de Carreira.

"Activamos as clases para os nosos maiores cunha edición que trae novidades como ser a de maior duración de tódalas edicións previas, incrementamos 15 minutos a duración de cada grupo das conversas en inglés, temos o taek-health como programa pioneiro a nivel nacional e incorporamos á oferta os cantares e tradicións. Unha serie de talleres para estimular mente e corpo que cada ano medra en número de participantes, acadando o medio milleiro de persoas inscritas no pasado curso", en palabras do concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, acompañado da coordinadora da área, Francisca Vidal. O edil quixo tamén agradecer ao Liceo Marítimo, o Centro Recreativo de Artes e a Comunidade de Montes de Olveira pola cesión gratuíta das súas instalacións. A isto engadiu que "a maiores, contaremos con saídas culturais, así que a aprendizaxe non se limitará ás aulas."

As persoas destinatarias son aquelas pensionistas do Sistema da Seguridade Social con 60 anos cumpridos ou máis idade, e empadroadas en Ribeira.

Os obxectivos específicos do programa son promover o envellecemento activo; evitar o sedentarismo, illamento e pasividade; fomentar a participación de grupo e relacións interpersoais da poboación maior de 60 anos do municipio; ampliar a oferta de ocupación do tempo de ocio; aumentar a frecuencia das actividades positivas co colectivo de maiores; motivar as persoas maiores en accións comunitarias; e mellorar a calidade de vida da veciñanza.

As actividades son gratuítas e o período de preinscrición comeza no 1 de setembro, de maneira presencial en Servizos Sociais Comunitarios ou de maneira telemática.