
Entramos no mes de setembro, pero as festas seguen sucedéndose en Ribeira, desta vez, coa parroquia de Oleiros que está de celebración do 4 ao 6 de setembro da man do Concello de Ribeira, coa colaboración da comunidade de montes. Ademais dos oficios relixiosos, haberá a tradicional festa da empanada, música e sesión infantil, no campo da festa. O concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes, e un dos edís por esta parroquia, Eladio Muñiz foron os encargados de presentar o evento.
"En Ribeira estamos a piques de despedir o verán, pero continúa imperando o ambiente festivo e Oleiros celebrará as súas festas do verán con actividades para tódalas idades. Así, cada parroquia e lugar do noso municipio enxalza a súa tradición e identidade", en palabras de Abraldes. O edil aclara que este ano non hai comisión de festas por motivos laborais dos seus anteriores integrante, polo que a Administración local asume de maneira "extraordinaria" a organización das festas para "garantir que tódolos lugares de Ribeira desfruten dos seus festexos."
O cartel comezará no venres, 4 de setembro, dedicado a San Roque coas bombas de palenque e misa solemne, ás 12.30 horas. As actividades repetiranse no día seguinte, sábado, 5 de setembro, dedicado á Virxe do Carme, novamente con bombas de palenque e misa solemne, ás 12.30 horas. O groso da programación concéntrase no domingo, 6 de setembro, festa do Santísimo. As bombas de palenque e a alborada do grupo de gaitas Xiada marcará o inicio da derradeira xornada, ás 11.00 horas. Despois, ás 13.00 horas, terá lugar o oficio na honra do Santísimo Sacramento e procesión acompañada musicalmente por Xiada. Cara o momento do xantar, ás 14.00 horas, será o momento de degustar a empanada e haberá sesión vermú amenizada por Leite Con Jalletas. Xa pola tarde, a rapazada será a protagonista coa sesión infantil con inchables, das 17.00 horas en diante.