Buscador

Profesionais de toda España reúnense en Ribeira para compartir os últimos estudos sobre a obesidade
Whatsapp: Profesionais de toda España reúnense en Ribeira para compartir os últimos estudos sobre a obesidade

O primeiro curso de Investicación Traslacional en Obesidade: do laboratorio á práctica clínica dirixido a profesionais da saúde arrancou onte en Ribeira con preto dun cento de participantes que asistiron a unha serie de conferencias a cargo de especialistas para compartir os últimos estudos sobre esta enfermidade e como se foi consolidando como unha doenza crónica multifactorial con implicacións metabólicas cardiovasculares e sociais.

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, foi a encargada de abrir este curso que "demostra que a ciencia e a formación de alto nivel poden saír das urbes e atopar o seu espazo en municipios coma o noso para o intercambio científico. Un territorio con identidade propia, profundamente vencellado ao mar e, polo tanto, á dieta atlántica. Conxugamos así investigación, innovación, nutrición, tradición e sustentabilidade." Neste senso, a rexedora enxalzou os produtos do mar que saen da lonxa ribeirense, protagonistas desa alimentación saudable.

Sampedro agradeceu á Sociedade Española de Obesidade e, nomeadamente, ás investigadoras Ana B. Crujeiras, Luisa M. Seoane, Sulay Tovar e María Pardo por poñer en marcha esta primeira edición dunha iniciativa que pon o foco na saúde para mellorar a calidade de vida da cidadanía.

Tamén tomou a palabra Ana B. Crujeiras, investigadora e unha das promotoras, quen manifestou que "nós queríamos facelo aquí tamén porque queriamos unha ambiente máis próximo, máis íntimo, facelo fóra de grandes cidades, de grandes palacios de congresos, e este é o sitio ideal. A nosa ilusión é que teña continuidade."

Gala benéfica

Ademais do encontro científico que se estende ata hoxe cunha saída á illa de Sálvora, na tarde de onte houbo unha gala benéfica a favor da investigación sobre a obesidade, no novo Auditorio municipal. Esta versou sobre Ciencia e Sociedade. Achegando a investigación en obesidade á cidadanía e contou coa participación de Boticaria García e Javier Butragueño, ademais das actuacións de Alfaia e Alecrín. Unha vez finalizado o coloquio, presentouse o libro Mujeres de hierro e ofreceuse un cóctel en base á dieta atlántica.