Buscador

Sampedro destaca o investimento de 70.000 euros por parte do Concello de Ribeira na posta a punto dos colexios para o inicio do curso escolar
Whatsapp: Sampedro destaca o investimento de 70.000 euros por parte do Concello de Ribeira na posta a punto dos colexios para o inicio do curso escolar

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, destacou onte o investimento de 70.000 euros realizado polo Goberno Local para a posta a punto dos colexios do municipio que deron a benvida aos máis de 3.300 nenos e nenas de infantil e primaria na súa volta ás clases.

Acompañada pola concelleira de Educación, Nucha Brión, e pola directora do CEIP de Frións, Josefa Otero, a rexedora aproveitou a súa visita a este colexio para poñer en valor o incremento do 60% na partida destinada á mellora dos centros educativos realizada polo Concello de Ribeira neste curso académico 2026-2027.

"Estamos a falar dunha partida que permitirá mellorar o día a día do alumnado e do profesorado", explicou Sampedro, que destacou as actuacións levadas a cabo e que permitiron a renovación dos baños de Olveira, a mellora da accesibilidade de Deán e o acondicionamento da pista infantil de Frións.

Lonxe de quedarse aquí, a alcaldesa salientou que a inversión aprobada polo Goberno Local permitiu tamén renovar a capa de pintura do colexio de Artes, así como a actuación na mellora de fiestras, portas e reparación de humidades e fontanería noutros centro de Ribeira.

Por último, Sampedro tamén avanzou que nesta semana comezaron as obras para para a posta en marcha do ascensor na escola de Olveira.