
A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou onte na inauguración da exposición itinerante José Suárez, vida e obra que chega á praza do Centenario ata o 29 de setembro baixo o amparo da Real Academia Galega de Belas Artes ao abeiro dos actos promovidos con motivo do Día das Artes Galegas, dedicado neste 2026 á figura do fotógrafo galego José Suárez.
No acto participaron tamén a concelleira de Educación, Nucha Brión; o seu homólogo de Relacións Institucionais, Ramón Doval; o delegado territorial de Cultura da Xunta, Severino Álvarez; e o comisario, Xurxo Lobato.

O Concello de Ribeira colabora nesta mostra que, a través de 16 paneis, divididos en 4 estruturas, repasan a obra do artista a través de imaxes e textos de Luis Seoane, Blanco Amor, Manuel Sendón, Xosé Luis Suárez Canal, Domingo García Sabell, Miguel de Unamuno, José Bergamín, Juan Manuel Bonet, Rafael Alberti, Publio López Mondéjar, Carlos Casares ou Lois Tobío.
Durante a súa intervención, a rexedora manifestou que esta mostra posibilita achegar á veciñanza a vida e obra do artista alaricano "que retratou coa súa cámara, dende unha mirada moderna, reflexiva e centrada na figura humana, con gran influencia da corrente da Nova Obxectividade." Sampedro tamén enxalzou a súa maneira de "capturar a esencia de pobos mariñeiros como Ribeira, con esa mítica fotografía dun neno que acolle nos seus brazos unha maqueta dunha dorna co nome Javiota; ou xente do mar coa cara e as mans curtidas polo sol e a salitre; ou redeiras que arranxaban os aparellos antes de que os barcos saísen novamente a faenar."
Neste senso, a mandataria local apuntou que "construía imaxes cunha intención artística, intelectual e humana. E o seu legado ten un enorme valor histórico por documentar o mundo rural e mariñeiro de comezos do século XX."

Accións complementarias
Máis alá da exposición, a rexedora avanzou que a Administración local complementa a mesma con outra serie de accións como a mostra bibliográfica José Suárez. Día das Artes Galegas 2026, do 10 ao 29 de setembro, na biblioteca pública municipal, para que as persoas que acudan a este espazo poidan consultar volumes sobre José Suárez.
Outra actividade é a conferencia A natureza e o home. A fotografía de José Suárez, que impartirá o académico e historiador da arte, Carlos L. Bernárdez, no 16 de setembro, ás 20.00 horas, no Centro Cultural Lustres Rivas. A intervención de Carlos Bernárdez ofrecerá unha visión global da súa obra, o percorrido ético e estético de José Suárez.
E o Servizo de Normalización Lingüística promove tamén visitas guiadas á exposición de rúa nos días 17, 18, 24 e 25 de setembro, ás 12.00 horas. Os centros de ensino están convidados a participar desta iniciativa. Como xa é habitual, só é preciso que envíen un enderezo electrónico indicando o nome do centro, número de participantes por grupo (máximo 25 persoas), curso e data seleccionada. Dende normalizacion@ribeira.gal confirmarase cada reserva.