
Debido ás condicións climatolóxicas deste inverno con chuvias de gran intensidade, debilitouse un tramo da muralla da zona noroeste do Castro da Cidá, de 5 metros de lonxitude e 2,70 metros de altura. Estas chuvias provocaron a erosión da ladeira ao pé de dito treito, polo que o Concello de Ribeira emprende a reparación urxente dos restos caídos para que o xacemento volva ao seu estado previo, coa totalidade da muralla conservada restaurada.
A maiores, durante a intervención executarase unha diagnose do estado de conservación xeral da muralla e dos espazos interiores para precisar as necesidades máis urxentes que poida servir de fundamento na proposta de actuacións de conservación futuras.
"Tivemos un inverno moi duro e isto tamén afectou a un dos nosos xacementos arqueolóxicos. Precisamente, para garantir a súa conservación e a visita da contorna en condicións de seguridade, emprendemos esta actuación a cargo dunha empresa especializada. E iniciamos este procedemento unha vez dispoñemos do proxecto e tódolos permisos requiridos", salienta a alcaldesa, María Sampedro.
Estas obras supoñen un investimento de 11.930,60 euros, IVE incluído, a cargo da empresa Terra-Arqueos S.L. baixo a dirección dun técnico arqueólogo, un director restaurador e dous técnicos especializados en restauración de estruturas castrexas. As tarefas teñen unha duración de 15 días.
Traballos de restauración
A consolidación dos muros e estruturas de delimitación realizarase polo sistema de recrecido de fiadas. En consecuencia, protexeranse os paramentos orixinais e as novas fiadas sofren o contacto co exterior e evítase o deterioro das fiadas cubertas. A construción dos paramentos realizarase ao estilo do propio xacemento, neste caso, seguindo a fábrica da muralla. As pedras restituiranse e utilizarase argamasa ou morteiro tinguidos para conseguir o ton do terreo circundante.