
Dando continuidade a outras reunións veciñais como a sucedida recentemente na contorna da Carroucha ou da Agriña, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, tivo onte unha xuntanza cun grupo de veciños e veciñas da rúa Habana para estudar, principalmente, a mellora do firme no tramo final de dita vía. Actualmente presenta formigón nun estado xa deteriorado, polo que a rexedora se comprometeu a estudar a renovación da calzada, ben sexa en formigón pulido ou en adoquinado para unha maior seguridade dos peóns e do tráfico rodado. En consecuencia, tamén se proxectará a recollida de pluviais.

Outro dos asuntos que protagonizou o encontro foron os mantementos, tanto da contorna da fonte e lavadoiro, como dunha pequena praza nas inmediacións de dita rúa.

Sampedro declarou que "estas reunións permítennos coñecer a pé de rúa coñecer as necidades dos veciños e veciñas que cada zona para incluír na folla de ruta deste goberno municipal, pois trátase de escoitar para acertar." A isto engadiu que "moitas das demandas son relativas a servizos básicos como saneamento, abastecemento e pavimentación; cuestións para as que elaboraremos proxectos e buscaremos financiación para a súa materialización que redundará nunha mellora da calidade de vida da cidadanía."