Buscador

O Concello de Ribeira recuperará a titularidade da parcela das Saíñas
Whatsapp: O Concello de Ribeira recuperará a titularidade da parcela das Saíñas

A Corporación municipal de Ribeira celebrou na tarde do luns 26 o Pleno ordinario correspondente ao mes de outubro de 2026, no que se aprobou con 14 votos a favor (PP, PBBI e 1 non adscrito), 1 en contra (PSdeG-PSOE) e 6 abstencións (BNG e 1 non adscrito) iniciar o expediente de reversión a titularidade municipal da finca das Saíñas cedida no seu día á Consellería de Política Social para, inicialmente, albergar a futura residencia de maiores; un edificio que, finalmente, se materializará nunha parcela de San Roque.

"O terreo das Saíñas volverá ser propiedade do Concello de Ribeira despois de que no seu día fose cedido á Xunta para o proxecto do novo modelo residencial. Ao ir este para outra localización, iníciase este expediente para revertelo a titularidade municipal e avaliar, respectando a normativa, as opcións que esta parcela nos ofrece para beneficio da cidadanía ribeirense", expresou a alcaldesa, María Sampedro. Neste senso, avogou polo "traballo conxunto de tódolos grupos municipais porque o queren os veciños é unha residencia de maiores."

En materia de infraestruturas, tamén se debateu a solicitude de concesión administrativa para a ocupación do dominio público marítimo-terrestre na fábrica de Cerqueira; un paso máis cara a consecución do proxecto de revitalización do barrio de Bandourrío mediante a execución da PAI-EDIL. A rexedora aclarou que se ben o Concello adquiriu en marzo de 2026 a parte privada da nave, hai tamén unha parte pública, de aí a motivación deste punto na orde do día que tivo o respaldo unánime da Corporación.

Así mesmo, o goberno municipal levou unha proposta para a prevención do acoso escolar, así como o compromiso co benestar emocional da infancia e a adolescencia que recolle, entre outros aspectos, incorporar á Mesa de Infancia e Adolescencia unha liña específica de traballo sobre acoso, convivencia e benestar emocional; promover, en colaboración cos centros educativos e as Anpa, charlas e actividades de prevención; desenvolver accións de sensibilización sobre saúde mental e prevención de condutas suicidas; aproveitar a andaina pola saúde mental para reforzar a sensibilización e participación da cidadanía neste ámbito; e realizar anualmente, a través da Mesa da Infancia e Adolescencia, unha valoración das actuacións impulsadas e das necesidades detectadas. A todo o exposto, o BNG presentou unha serie de emendas de substitución a varios puntos -aprobadas ambas por unanimidade-, polo que a proposta saíu adiante.

Tamén se puxo sobre a mesa -aprobada por unanimidade- a adhesión da Administración local ribeirense á Rede de Concellos Contra o Cancro, promovida pola Asociación Española Contra o Cancro, a través da Xunta Provincial da Coruña, coa colaboración da Deputación; unha iniciativa que se artella arredor de tres liñas de actuación: promoción da saúde; atención a pacientes e familias; participación social e voluntariado.

Outro dos asuntos a tratar foi a dación de conta da avaliación do III Plan de Igualdade de Oportunidades de Homes e Mulleres. Este terceiro Plan consta de 80 medidas e servirá de base cara o traballo no cuarto para avanzar en materia de igualdade.

Sobre o transporte público versou a proposición do BNG, para darlle solución a problemas detectados nas liñas escolares no inicio do actual curso, así como os desprazamentos regulares que atinxe ao municipio. Tamén contemplaba a subrogación de todo o persoal afectado, a creación dun servizo directo de autobús que conectase Ribeira coa estación de ferrocarril de Catoira, ademais da apertura do apeadoiro nun horario amplo. Ante isto, o executivo local presentou unha emenda de substitución á totalidade mediante a cal se acorda continuar con xestións de mellora das incidencias xurdidas no transporte público coa Xunta de Galicia e cos centros públicos afectados para a busca de solucións; explorar alternativas de rutas coa Administración autonómica para dar solucións ás demandas plantexadas; e seguir coas xestións iniciadas polo actual goberno para abrir o apeadoiro de autobuses. A dita proposición emendada saíu adiante por unanimidade.

Por parte do PSdeG-PSOE, abordouse a publicación dun calendario de limpeza na axenda da web municipal; sobre a que o goberno municipal presentou tamén unha emenda de substitución -aprobada por unanimidade- encamiñada a que, dentro das actuacións de mellora e modernización da web municipal, se incluirá a información que reglamentariamente debe ofrecer en aras á transparencia e bo goberno.

O resto de puntos da orde do día non se puideron abordar ao concluír a xornada na que estaba convocada a sesión plenaria.