Buscador

Continúa adiante o obradoiro de emprego Tahume XI con novas intervencións en Ribeira e O Porto do Son
Whatsapp: Continúa adiante o obradoiro de emprego Tahume XI con novas intervencións en Ribeira e O Porto do Son

O alumnado do obradoiro de emprego Tahume XI segue formándose no ámbito forestal e de carpintaría e aplicando os seus coñecementos en varios puntos dos municipios de Ribeira e O Porto do Son.

Na especialidade de forestal atópanse afondando na técnica do resinado nos montes de Baroña, onde xa levan varias semanas aprendendo e poñendo en práctica técnicas tradicionais vinculadas á xestión e ao aproveitamento dos recursos forestais; todo isto coa colaboración da comunidade de montes do lugar.

En canto a carpintaría, avanzan na reparación da pasarela do madeira do Carreiro, na parroquia de Aguiño. Esta intervención estará completada en vindeiras datas para o desfrute por parte dos veciños e veciñas.

Con relación a todo isto, a concelleira ribeirense de Promoción, Económica, Carmen Pérez, declara que "as persas participantes neste obradoiro de emprego continúa formándose para mellorar a súas opcións de empregabilidade en dous nichos de mercado que demandan traballadores. E os coñecementos adquiridos nas clases lévanse á práctica en espazos públicos, polo que ten un impacto positivo no conxunto da sociedade."

Formación teórica e práctica

Este programa botou a andar no pasado mes de xuño cun total de 20 persoas participantes e combina formación teórica e práctica. O obxectivo é a mellora da empregabilidade das persoas dos concellos de Ribeira e O Porto do Son, onde o alumnado recibe formación no ámbito profesional de forestal e de produción de carpintería e moble.

Durante nove meses asisten ás especialidades de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble; Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; e Traballos de carpintería e moble.

A maiores da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibe formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras.

O dito obradoiro conta co apoio da Consellería de Emprego Comercio e Emigración, que aporta unha achega de 546.552 euros para esta iniciativa de emprego.