Buscador

Xunta e Concello abordan cos empresarios de Ribeira os avances do polígono industrial
Whatsapp: Xunta e Concello abordan cos empresarios de Ribeira os avances do polígono industrial

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, abordaron onte cun grupo de empresarios, os avances na tramitación do futuro polígono industrial do municipio.

Lorenzana explicou que xa se adxudicou a actualización do proxecto de urbanización que permitirá desenvolver este ámbito e dotar de máis solo empresarial ao concello. Deste xeito, lembrou que a previsión da Xunta é comezar este ano co proceso de licitación das obras de construción do novo parque que terá case 260.000 metros cadrados de superficie.

Segundo expuxo, trátase de adaptar o proxecto que xa existía ás necesidades reais de execución e aos criterios técnicos e económicos que rexerán a posterior licitación das obras; e facilitar ademais, unha coordinación maior entre a redacción do proxecto, a contratación das obras e a súa futura execución. Esta é unha das actuacións incluídas nos 4,2 millóns de metros cadrados que están agora mesmo en tramitación, urbanización ou execución na provincia da Coruña.

Pola súa parte, a rexedora manifestou que este é un paso máis para levar "levar do papel ao terreo un proxecto estratéxico para Ribeira tanto a nivel económico como social que permitirá que o municipio siga crecendo, dando así resposta á demanda empresarial."