Buscador

O obradoiro de emprego Tahume XI celebra as súas IV Xornadas de Emprendemento
Whatsapp: O obradoiro de emprego Tahume XI celebra as súas IV Xornadas de Emprendemento

A Casa de Cultura de Xuño, sede das aulas do obradoiro de emprego Tahume XI, promovido conxuntamente por Ribeira e O Porto do Son, acolleu hoxe a cuarta edición das Xornadas de Emprendemento; unha iniciativa formativa dirixida ao alumnado das especialidades de Carpintería e Forestal e integrada no módulo transversal Asesoramento para a Xestión de Empresas.

O alumnado asistiu a tres sesións impartidas por profesionais de entidades especializadas para achegar diferentes modelos de emprendemento, coñecer experiencias empresariais reais e identificar ferramentas e recursos útiles para afrontar a posta en marcha dunha actividade profesional por conta propia.

A primeira intervención correu a cargo de Elsa Grille, de PEFC Galicia, quen abordou a importancia dos montes sostibles e da certificación PEFC, explicando as vantaxes e utilidades deste selo como instrumento de recoñecemento e garantía dunha xestión forestal responsable.

Deseguido, Rosa Álvarez, técnica de EspazoCoop, presentou o cooperativismo como unha fórmula para emprender no ámbito da economía social. A sesión combinou explicacións teóricas con dinámicas participativas sobre os principios, valores e modalidades cooperativas, así como os recursos de apoio ao emprendemento cooperativo.

A parte práctica contou coa participación de Rigoberto Pedroso, socio fundador de Espacios Verdes Sociedade Cooperativa Galega, cooperativa de traballo asociado dedicada aos servizos de xardinería e situada en Boiro. Pedroso compartiu a experiencia de creación da entidade, que naceu tras a participación dos seus socios nun obradoiro municipal de emprego de xardinería. Un exemplo próximo e especialmente relevante para o alumnado, ao mostrar como a formación e a adquisición de competencias profesionais poden servir de punto de partida para impulsar un proxecto empresarial colectivo.

A última sesión foi impartida por Rafa, técnico asesor da Fundación Ronsel, e centrouse nos aspectos básicos da legalidade e do financiamento empresarial. Mediante dinámicas grupais e actividades participativas, traballáronse coñecementos e habilidades necesarias para iniciar e desenvolver un proxecto empresarial. Ademais, presentouse o servizo gratuíto de asesoramento empresarial que a Fundación Ronsel presta nos concellos de Ribeira e O Porto do Son, cunha atención mensual e acompañamento a persoas interesadas en emprender, incluídos programas de mentoring.

Estas xornadas enmárcanse na formación transversal que recibe o alumnado do obradoiro de emprego Tahume XI coa vontade de complementar a capacitación profesional das dúas especialidades con coñecementos que favorezan a súa incorporación ao mercado laboral. Ao mesmo tempo, buscan achegar recursos que permitan identificar oportunidades e valorar alternativas de emprendemento con maior autonomía unha vez finalizado o período formativo.

A concelleira ribeirense de Promoción Económica, Carmen Pérez, valora "moi positivamente esta iniciativa que achega a realidade do sector ás persoas participantes no obradoiro para que coñezan diferentes vías de incorporación ao mercado laboral segundo as necesidade presentes no territorio e experiencias que se lles sirvan de exemplo a seguir."

Dende o obradoiro de emprego Tahume XI agradécese a colaboración de PEFC Galicia, EspazoCoop e Fundación Ronsel, así como a participación de Rigoberto Pedroso e das persoas profesionais que contribuíron ao desenvolvemento desta xornada.