null O Concello de Ribeira esixe unha cobertura médica completa no Centro de Saúde de Aguiño
O Concello de Ribeira esixe unha cobertura médica completa no Centro de Saúde de Aguiño
Whatsapp: O Concello de Ribeira esixe unha cobertura médica completa no Centro de Saúde de Aguiño

Ribeira 25 de outubro de 2024

O Concello de Ribeira expresa a súa profunda preocupación pola falta de persoal
médico na parroquia de Aguiño e solicita cubrir de maneira urxente as dúas prazas
de profesionais médicos que debería haber nese centro de saúde.

Na actualidade, o Centro de Saúde de Aguiño atópase sen ningún profesional médico asignado, xa que un está de baixa e outro acaba de xubilarse. Esta situación afecta directamente á calidade da atención sanitaria dos seus veciños e veciñas ao non garantir a adecuada cobertura sanitaria.

Esta carencia xerou un grave prexuízo para a veciñanza da parroquia porque debe trasladarse a outros centros para recibir atención sanitaria básica, unha situación insostible que require atención inmediata.

Así mesmo, o Centro de Saúde de Ribeira, que debería contar con 14 profesionais médicos para atender adecuadamente a demanda da zona, actualmente conta unicamente con 10, o que incrementa a presión asistencial sobre o persoal dispoñible e limita os recursos sanitarios para unha atención de calidade en toda a rexión.

Ante esta situación, o Concello de Ribeira demándalle ao conselleiro de Sanidade que adopte medidas urxentes que permitan dotar tanto ao Centro de Saúde de Aguiño como ao de Ribeira dos recursos humanos necesarios. O rexedor, Luís Pérez, “defendeu que o benestar e a saúde da cidadanía non pode estar en xogo pola carencia no persoal de persoal médico, é un risco que non podemos consentir e por iso apoiamos esta demanda da veciñanza”.


O Concello de Ribeira reitera o seu compromiso de continuar traballando e defendendo os dereitos dos seus veciños e veciñas, en especial no que respecta ao acceso a servizos sanitarios de calidade. A cidadanía de Aguiño e Ribeira merece unha resposta pronta e eficaz que garanta o seu benestar e saúde.