null O aparcadoiro do Centenario estrea novo sistema de xestión con maquinaria renovada.
O aparcadoiro do Centenario estrea novo sistema de xestión con maquinaria renovada.
Whatsapp: O aparcadoiro do Centenario estrea novo sistema de xestión con maquinaria renovada.

Ribeira, 11 de decembro de 2024

O Concello de Ribeira dá un novo paso adiante na renovación integral do aparcadoiro do Centenario co obxectivo de dar o mellor servizo posible á veciñanza. A partir de hoxe xa opera o novo sistema de “ticketing” substituindo a anterior maquinaria que se atopaba totalmente obsoleta e cun mantemento moi custoso.

A actuación realizada consistiu na renovación das máquinas de tíckets e un novo sistema de xestión do mesmo, tamén apoiado cun sistema de pagamento mediante introdución de matrícula, sistema QR así como novas barreiras facendo unha optimización completa e integral da xestión do servizo. 

O sistema de pagamento mediante código QR vai permitir aplicar, dunha maneira áxil e sinxela, os descontos que haberá para quen merque no comercio local, onde cada bono descontará a cantidade de trinta céntimos. A unidade de control central xestionada polo Concello disporá do control total do sistema, dende poder executar todas as funcionalidades ou controlar a ocupación en tempo real entre outros. 

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, e a concelleira de Facenda, Herminia Pouso, mostraron a súa satisfacción por avanzar nesta cuestión "prioritaria" e que pretende "facilitar o aparcadoiro céntrico para persoas que veñan a traballar, a comprar ou que necesitan facer un recado e teñen a necesidade de deixar o seu automóbil nun espazo céntrico e a bo prezo”.

Acceso equitativo

Fontes municipais informaron ademais que, coa posta en marcha do novo sistema informático, deron de baixa os permisos de estacionamento gratuíto que tiñan xuíces, fiscais, policías e políticos. Esta medida responde á necesidade de garantir un uso igualitario aos recursos municipais, aliñándose coas políticas de xestión responsable, transparente dos bens e recursos públicos. Desde o Concello subliñouse que esta acción non implica unha retirada das prazas de estacionamento, senón que se lle facilitará o uso dunha praza mediante o sistema regular de abonos que estará dispoñible para todos os veciños e veciñas que desexen beneficiarse do servizo. Os únicos vehículos que estacionarán gratis serán os rotulados propiedade do Concello de Ribeira.

Dende o goberno local consideran que é unha medida xusta que fomenta a igualdade entre a cidadanía xa que todos os usuarios e usuarias, independentemente do seu cargo, pagarán como calquera veciño ou veciña. “O noso obxectivo é garantir a seguridade e a comodidade pero sen distinción, á vez que optimizamos a boa xestión dos espazos públicos”.  

Tarifas reducidas 

Grazas á aposta do goberno local, o estacionamento do Centenario “é o máis económico de toda A Barbanza e un dos máis baratos de Galicia”. Ten un custo de 1,50 euros por dúas horas, incrementándose en 0,02 euros o minuto a partir da terceira. O prezo máximo por unha xornada completa será de 20 euros, e os abonos variarán entre os 60 euros mensuais e os 25 euros por estacionar os sábados e domingos.

Os abonos mensuais de 24 horas son de 60 euros habendo unha bonificación de 10 euros mensuais se se paga o recibo de forma anual, os bonos de 12 horas ten un custo de 35 euros/mes, bonos de luns a venres con estancia as 24 horas de 43 euros/mes e de sábados e domingos por 25 euros.