null XX Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño 2025
XX Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño 2025
Whatsapp: XX Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño 2025

Prezadas amigas e amigos, un ano máis dende a Asociación Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño organizamos a Semana Cultural co mesmo nome, que nesta ocasión alcanza xa a súa XX edición igual que a nosa entidade cumpre 20 anos de existencia (2005-2025). Terá lugar os días 17, 18 e 19 de xaneiro en Aguiño, con actos para todas as idades, abertos, gratuítos á cidadanía.

 

Nesta ocasión queremos celebrar a efeméride dos 50 anos que cumpre o equipo do noso pobo, o Xuventú Aguiño e virá falar do tema o seu actual presidente Xosé Manuel Vilas Álvarez; tamén estará Xosé María Fernández Pazos que acaba de reeditar o seu libro sobre a traxedia do Santa Isabel, con novos datos e imaxes, polo que falará das heroínas e heroes desta traxedia centrada en Aguiño pois non esquezamos que a illa de Sálvora pertence á nosa parroquia e a aldea foi o berce do nacemento do noso pobo, xa que nesa época do afundimento Aguiño contaba con menos de 300 veciños, superando hoxendía os 3000 habitantes; na illa estaban as oito familias que agora teñen descendencia no noso pobo e aínda viven moitas persoas nadas en Sálvora xa que os últimos en abandonala foi en 1972. Acompañarán aos ponentes o Alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, que inaugurará a Semana Cultural xunta a Unai González Suárez, vicepresidente da asociación organizadora.

Queríamos tamén homenaxear á Confraría de Carreira e Aguiño polo seu recente centenario (1924-2024) pero xa organizaron no pobo en outubro pasado uns actos con conferencia, praca conmemorativa, etc con gran acerto, que faría repetitiva a temática, non por iso deixamos de festexar esta celebración e contaremos tamén entre os convidados co patrón maior de Aguiño, José Antonio Santamaría; convidamos tamén ao resto do tecido social do pobo, corporación municipal e empresas colaboradoras. O acto é gratuíto e de libre acceso ás 20:30 h no conservatorio de Aguiño.

A continuación terá lugar a actuación das pandereteiras "As sete linguas" facendo tamén a nosa pequena homenaxe a este ano no que as Letras Galegas están dedicadas ás Cantareiras, xa que ao longo do mesmo celebraremos outras actividades relacionadas como a VIII Edición do Festival de canto e música tradicional Son´s en Aguiño no mes de xuño ou o propio día das letras o 17 de maio, entre outras.

Remataremos a xornada do venres cun ágape de fraternidade entre os asistentes.

O sábado teremos o acto reivindicativo de Ofrenda Floral e lectura de Manifesto no cemiterio do Son, fronte á tumba de Don Francisco acompañado de gaitas do país que interpretarán a Marcha do Antigo Reino de Galiza e o Himno Galego, será ás 17:00 h. A misa do 21 aniversario do pasamento será na Igrexa Parroquial do Carme de Aguiño ás 19:00 h e ás 20:00 h no conservatorio un espectáculo de humor e música a cargo de Isabel Risco e Fran Rei, titulado "Duo Vaguedades" fará as decilias do público.

O domingo será a quenda dos cativos e familias, ás 17:30 h tamén no conservatorio, co último espectáculo e concerto de Paco Nogueiras, "Son Animal"; ademais entregaremos lambetadas e caramelos a todos os asistentes.

Agradecemos ao concello de Ribeira, a deputación da Coruña e empresas como CONRESA, Farmacia Mariño de Aguiño, Digar de Artes, Fabri Barbanza, Fripusa ou Combustibles Puebla a súa colaboración anual para que podamos organizar estes e outros actos de acceso libre e gratuíto para a veciñanza de Aguiño en particular e o resto da contarna en xeral.

A Directiva da AFLM de Aguiño.