Cerqueira como epicentro social e cultural
Rexeneración urbana, mobilidade sostible e espazos verdes
Reforzo das zonas verdes e aposta polas novas tecnoloxías
Ribeira solicita un ambicioso proxecto de rexeneración urbana que ascende a 13 millóns de euros
O mércores 26 de febreiro de 2025 celebrouse un pleno extraordinario para aprobar o Plan de Actuación Integrado (PAI) Ribeira 2030 co que presentarse á nova convocatoria de fondos Feder da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL).
O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, abriu a rolda de intervencións para defender a proposta do Concello de Ribeira. “Trátase dun proxecto que non só aspira a transformar urbanisticamente a nosa vila, senón tamén a revitalizar a súa esencia social, cultural e ambiental” dixo.
Luís Pérez Barral destacou que este proxecto marcará un antes e un despois, xa que transformará a imaxe urbana da vila, profundando no novo modelo urbano centrado en gañar espazos públicos para as persoas, máis espazos verdes e zonas deportivas, integrar a cidade co mar e fomentar a mobilidade sostible. "De conseguirmos este financiamento, lograremos revitalizar o barrio Banda ao Río, mantendo esa ligazón co mar pero aumentando a calidade de vida de todos os veciños e veciñas", afirmou o alcalde.
Cerqueira como epicentro social e cultural
Explicou que o plan prioriza a revitalización do barrio histórico de Banda ao Río, facendo de Cerqueira un elemento central coa súa recuperación como patrimonio industrial conserveiro. Converteríase nun espazo social para eventos, aprendizaxe e participación veciñal. Ademais, anunciou a creación dun museo ligado ao mundo do mar na casa anexa á fábrica e a construción dun centro multiúsos destinado a promover a integración social e fortalecer a convivencia veciñal, capaz de acoller unha grande variedade de actividades, dende a inclusión até a recuperación de tradicións locais.
Rexeneración urbana, mobilidade sostible e espazos verdes
Barral subliñou que a rexeneración urbana proposta responde aos desafíos históricos que este núcleo padeceu, ao ser unha área tradicionalmente esquecida en termos de investimento público. A transformación da Praza de Pontevedra, cunha ampliación de 7.000 m2 de espazo público accesible, integrará a praza co parque Pedra Pateira e conectará visualmente a cidade co mar.
A creación de novos espazos públicos será para o uso e desfrute da veciñanza, derrubando o antigo auditorio para deseñar grandes áreas verdes, con mobiliario urbano, zonas de xogos infantís, pistas deportivas e de calistenia. "Promoveremos unha vida activa e saudable e xeraremos espazos interxeracionais", indicou.
Esta nova área beneficiará tamén a equipamentos sociais como a residencia de maiores, a casa do mar e o Club de Xubilados do Mar que contarían cun espazo integrado, accesible e inclusivo, mellorando a calidade de vida. Ademais, anunciou a creación dunha plataforma única que conectará a nova praza-parque co mar, incluíndo unha balconada para contemplar a ría.
Outro dos puntos clave expostos foi a construción dun aparcadoiro disuasorio soterrado, de baixas tarifas e con capacidade para 250 vehículos. Este estacionamento terá un enfoque intermodal ao estar nunha localización céntrica, facilitando a conexión a pé, co transporte público e cun futuro punto de préstamo de bicicletas.
O alcalde quixo deixar claro que este proxecto non deixa lugar á improvisación, xa que está perfectamente aliñado coa Axenda Urbana de Ribeira aprobada por unanimidade de todos os grupos da Corporación Municipal. "A planificación integrada deste proxecto permitirá que as accións previstas actúen de forma complementaria, xerando sinerxías entre a revitalización urbana, a mellora da eficiencia enerxética e a promoción da participación cidadá", afirmou.
Tamén fixo fincapé na dimensión social do plan, subliñando que a creación de espazos interxeracionais, a aposta pola inclusión social a través do Centro Sociocomunitario e a promoción de programas para persoas de todas as idades garantirán que o impacto positivo deste proxecto transcenda o ámbito urbanístico, converténdose nun motor de cambio social.
"Con este proxecto, Ribeira non aspira só a cambiar a súa fachada marítima; aspira a reforzar a súa identidade, promover a cohesión social e converterse nun exemplo de cidade sostible e inclusiva". Finalmente, Luís Pérez Barral asegurou que "con esta nova visión de cidade, o goberno ribeirense aposta por investir nas zonas máis degradadas do municipio, recuperar edificios históricos en lugar de crear novas edificacións, xerar espazos verdes e resolver a necesidade de estacionamento", concluíu.
Importante investimento
A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, manifestou a importancia do PAI Ribeira Atlántica 2030, un proxecto ambicioso cun orzamento que supera os 13.300.000 euros. Segundo as súa declaracións, a obtención da subvención solicitada representaría un paso fundamental para a revitalización e renovación do barrio de Banda o Río, dotando a zona de novos equipamentos, entre os que se inclúen a creación dun museo do mar, un centro sociocultural destinado a cubrir as necesidades de locais para diversas actividades, a habilitación de novos espazos no edificio da fábrica de Cerqueiras, ademais de zonas verdes, áreas de xogo e deportivas, e a construción dunha infraestrutura soterrada para prazas de aparcamento, deixando a superficie como un espazo aberto para o uso e desfrute da veciñanza e a súa conexión coa ría de Arousa.
A concelleira subliñou que a demanda de moitos cidadáns relativa á adquisición do edificio da fábrica de Cerqueiras está garantida, independentemente do resultado da solicitude de fondos do PAI Ribeira Atlántica 2030, deixando claro que este compromiso se manterá con ou sen a subvención.
En canto ao financiamento, Herminia Pouso destacou que a subvención solicitada ascende a 8.000.000 euros, o que implicará un importante esforzo inversor por parte do Concello, superando os 5.000.000 euros, unha contía que se afrontará ao longo de varias anualidades ata o ano 2029.
A concelleira insistiu en que este proxecto non irá en detrimento doutras prioridades fundamentais, como o impulso do proxecto do polígono industrial. Recalcou que, de reunir os requisitos da convocatoria de subvencións dos Fondos FEDER, o polígono estaría agora mesmo no centro do debate, xa que resulta esencial para frear a fuga de empresas de Ribeira debido á falta de solo industrial. "Garantindo o emprego, apostamos polo crecemento económico e poboacional", afirmou, subliñando que a carencia de oportunidades laborais é unha das principais causas de que a mocidade abandone a vila para desenvolver os seus proxectos de vida, o que provoca o avellentamento poboacional recollido na memoria do PAI.
Por último, Pouso recordou que a creación de novas infraestruturas nos últimos anos supón un incremento do gasto corrente para o seu funcionamento e mantemento. Advertiu que, ao estar nun marco normativo que limita o crecemento dese gasto, a obtención da subvención que se solicita hoxe esixirá a implicación de todos os grupos da Corporación e da cidadanía para facer realidade estes proxectos. Ademais, deixou claro que, chegado o momento, haberá que abordar de forma responsable como afrontar o esforzo da achega económica municipal, que superará os 5 millóns de euros.
O segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, destacou tamén a relevancia do proxecto do PAI Ribeira Atlántica 2030, subliñando que este pon enriba da mesa unha solución ao problema da falta de estacionamentos, situando unha infraestrutura soterrada nun punto estratéxico de fácil acceso para os veciños que veñan dende Aguiño ou Palmeira.
Ademais resaltou que a liberación da superficie permitirá a creación dun espazo versátil para a celebración de mercados, concertos e todo tipo de actividades culturais e sociais, o que a longo prazo representará un aforro significativo para o Concello e todos os veciños e veciñas.
En relación ao espazo público, recordou que, na actualidade, o centro de Ribeira conta unicamente coa Praza de España como espazo amplo, polo que esta intervención resulta totalmente necesaria para ampliar as zonas de encontro cidadá.
Reforzo das zonas verdes e aposta polas novas tecnoloxías
Outro dos aspectos destacados polo tenente de alcalde é a aposta pola sustentabilidade, anunciando a plantación de máis de 200 árbores nunha zona que, agás das palmeiras do parque, carece de vexetación. "Deste xeito, reconverteremos en verde esta área, proporcionando un novo pulmón para a cidade", afirmou.
No ámbito tecnolóxico, Francisco Suárez-Puerta explicou que se apostará pola implantación de sensores intelixentes instalados en farolas e cámaras, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos veciños e reducir os problemas asociados ao lecer nocturno.
Por último, destacou a conexión co mar a través dunha plataforma única, o que permitirá reverdecer ese tramo actualmente sen árbores, que resulta impracticable para as persoas maiores durante determinadas épocas do ano. Para iso, instalaranse fontes e bancos que crearán zonas de sombra, favorecendo que os veciños poidan gozar do paseo ao longo de todo o ano.
A proposta foi aprobada cos votos a favor de BNG, PBBI, PSOE e abstención do PP