null “As voltas da vida” da asociación Veciños de Carreira faise co concurso de Murgas do Entroido de Ribeira
“As voltas da vida” da asociación Veciños de Carreira faise co concurso de Murgas do Entroido de Ribeira
Whatsapp: “As voltas da vida” da asociación Veciños de Carreira faise co concurso de Murgas do Entroido de Ribeira

Ribeira, 3 de marzo de 2025

Onte celebrouse o “Desfile e Concurso de Murgas e Comparsas” do entroido de Ribeira, trátase dun evento tradicional que conta cunha gran aceptación popular e participación do tecido asociativo do municipio no que este ano se repartiron 6.000 euros entre premios e gratificacións. Tanto a convocatoria, como o desfile, as comparsas e as murgas; resultaron dun nivel moi alto no concurso que se celebrou nunha  ateigada carpa en Banda o Río que se quedou pequena e na que se tipo que abrir as lonas laterais para que toda a veciñanza gozara do concurso.

Nunha tarde fría de típico nordés ribeirán comezou o desfile que este ano inaugurou un novo percorrido que partiu do Auditorio Municipal seguindo por Rosalía de Castro pasando pola rúa de Galicia e chegando a Banda o Río polo Malecón. O concurso foi presentado pola mediática veciña Nusca Chousa e comezou coas actuacións das comparsas e as murgas infantís para seguir co concurso de murgas  de  categoría adulta na que se presentaron seis murgas dúas delas de fora do municipio (Tarde, mal e arrastro máis Aquelarre Portus Ébora”) e o resto do municipio. (Castiñeiras, Residencia do Maior, Dorna e a dos Veciños de Carreira).

A concelleira de Cultura quixo agradecer o traballo  de tódolos  participantes, “sobre  todo por esas que veñen de fora por ese traballo que fan durante todo o ano  para preparar eses traxes e coreografías tan elaboradas, porque se ve o traballo feito”, tamén tivo palabras de agradecemento para todo ese tecido social e cultural do municipio do cal fixo unha reflexión aludindo, “ás veces pídese algo máis espectacular pero coido que a murga como tal; o que é dar a murga…; na orixe é unha letra nun panfleto que se repartía de forma anónima e que dende o humor e a sátira se fai crítica política, social ou veciñal sen chegar a facer mal”.

A murga gañadora final foi “As voltas da vida” dos Veciños de Carreira que lograron nunha espectacular posta de escena, cuns disfraces moi medidos, unha sátira do Goberno local co alcalde á cabeza xunto cos concelleiros e concelleiras; tamén cunha letra moi lograda foron facendo un percorrido polo pasado, presente e futuro do Goberno municipal. O público quedou entregado e foron gañadores por unanimidade. En segundo posto quedaron Aquelarre Portus Ébora e no terceiro lugar tarde mal e arrastro.

Antía non se quixo esquecer nos parabéns e agradecementos á comparsa infantil "Anos 50 e 70” da A.C. Alfaia, comparsa infantil "Motoristas Formula 1", a comparsa "En xiada encaixamos" da Asoc. Xiada, comparsa "La mudanza" da escola baile El Tomasón, murga infantil "La reina" da Asoc. Haveira, a Nusca Chousa polo ben que levou a gala, o grupo Latexo percusión pola grande sincronía e animación, e aos membros do xurado: Eva Romero, Teresa Bretal, Cristina Riveiro, Xandre Millet e Javier Sua?rez.