null O Concello de Ribeira preséntalle unha nova alternativa a Portos de Galicia para garantir a celebración das Festas do Verán
O Concello de Ribeira preséntalle unha nova alternativa a Portos de Galicia para garantir a celebración das Festas do Verán
Whatsapp: O Concello de Ribeira preséntalle unha nova alternativa a Portos de Galicia para garantir a celebración das Festas do Verán

Ribeira, 13 de xuño de 2025. --- O alcalde de Ribeira, Luís Pérez Barral, acompañado polo segundo tenente de alcalde, Francisco Suárez-Puerta, o concelleiro do Mar, Fernando Abraldes, e o representante dos feirantes, Suso Pombo, mantivo esta mañá unha reunión coa xefa técnica da zona centro de Portos de Galicia para abordar a situación das Festas do Verán e a súa vinculación coa zona portuaria da cidade.

Durante o encontro, segundo informou o alcalde, Luís Pérez Barral, o Concello de Ribeira trasladou oficialmente a súa vontade de formalizar un convenio de colaboración con Portos de Galicia que regule e garanta a continuidade da celebración das Festas do Verán nos espazos tradicionalmente utilizados dentro da zona do porto, como se vén facendo de maneira ininterrompida desde hai décadas.

“As Festas do Verán constitúen o evento popular máis importante da cidade, cunha alta participación veciñal e un forte impacto turístico e económico. O emprazamento actual das atraccións, xogos e instalacións lúdicas dentro dunha área do porto é un uso histórico coñecido e asumido pola cidadanía, sen rexistrarse incidencias nin interferencias co uso portuario habitual” declarou.

Na reunión, o Concello expresou a súa preocupación polo risco de non poder celebrar as festas nas condicións habituais, o que suporía un prexuízo grave para a hostalaría, o comercio local e o conxunto da sociedade ribeirense. Así mesmo, presentou alternativas e manifestou unha clara vontade de chegar a acordos que garantan o dereito ao traballo dos feirantes, a continuidade da tradición festiva e a dinamización económica da vila durante o verán.

O convenio proposto establecería unha ocupación puntual e anual da zona portuaria durante o período das festas, incluíndo os días necesarios para a montaxe e desmontaxe das instalacións. O Concello comprométese a limitar a ocupación ao tempo estritamente necesario, garantir que todas as atraccións estean homologadas e aseguradas conforme á normativa vixente, asumir a responsabilidade por calquera eventualidade cunha póliza de responsabilidade civil específica, manter a orde, seguridade e limpeza do espazo en coordinación coa autoridade portuaria, garantir o acceso aos pantaláns e as franxas de seguridade, e liquidar os importes correspondentes segundo as taxas establecidas por Portos de Galicia.

Así mesmo Pérez Barral informou que presentarán unha proposta técnica e motivada na que lle demandarán ao ente público dependente da Xunta, Portos de Galicia, o cambio de zonas de maneira estable no tempo, xa que Ribeira carece de espazos alternativos tan grandes onde poder desenvolver as festas se non é como se viña facendo até o de agora.

A proposta encádrase legalmente no Título III da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de Portos de Galicia, e busca dar seguridade xurídica e estabilidade organizativa a unha práctica consolidada que forma parte da identidade cultural da cidade e contribúe activamente á súa economía e proxección exterior.

Por outra banda, o segundo tenente de alcalde, manifestou que a reunión foi de carácter técnico, “pois o presidente da entidade Portos de Galicia non tivo a ben asistir e polo tanto estivemos reunidos cos técnicos da propia entidade que nos trasladaron unha situación legal xa coñecida sobre unha zonas que están marcadas que non se poden cambiar dun día para outro”. Suárez-Puerta puntualizou que dende o Goberno local se lle fixo entrega duns planos alternativos deseñados polos técnicos do Concello, “na proposta alternativa garántense os usos portuarios para os traballadores do sector do mar”. O edil tamén sinalou que aparte de defender a dinámica do sector do mar, “aquí tamén estamos a defender a toda a hostalaría de Ribeira ao comercio e a todo o impacto económico que supoñen estas festas”.

O concelleiro de Mar, insistiu “que todos os accesos aos pantaláns, tanto da terceira e sétima lista, van a ter total  accesibilidade para desenvolver os labores propios do día a día, “e sumaráselle un reforzo de seguridade da Policía Local e do GAEM”. Abraldes sinalou que se habilitará un carril perimetral á beiramar para que os traballadores poidan ter total mobilidade para facer os traballos de carga e descarga dos elementos propios de cada embarcación ademais de garantir un espazo mínimo de acceso a cada pantalán de dous metros e medio”.

O Concello agarda que Portos de Galicia inicie canto antes os trámites para a formalización deste convenio e reafirma a súa vontade de colaboración institucional para que Ribeira poida celebrar as festas como sempre, sen impedimentos innecesarios e co respaldo legal e organizativo adecuado que permita compatibilizar todos os usos.