null A antiga fábrica de salgadura de punta do Castro revitalizarase como punto de interpretación da paisaxe
A antiga fábrica de salgadura de punta do Castro revitalizarase como punto de interpretación da paisaxe
Whatsapp: A antiga fábrica de salgadura de punta do Castro revitalizarase como punto de interpretación da paisaxe

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, participou hoxe na visita á antiga fábrica de salgadura de Castiñeiras para dar conta do Catálogo de bens de valor cultural no litoral aprobado pola Xunta de Galicia.

Durante a visita da conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos; a rexedora explicou o proxecto previsto para esta antiga edificación que persiste a carón da praia do Castro-A Catía; unha nave que tivo no pasado un uso industrial e no futuro prevese reforzar o seu uso cultural e turístico. Alí tamén estiveron o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, e o seu homólogo de Medio Ambiente, Víctor Reiriz.

O proxecto está orzamentado en aproximadamente 150.000 euros, enmarcado no Plan de Sostibilidade Turística de Ribeira ao abeiro dos fondos Next Generation. O deseño propón revitalizar a antiga fábrica de salgadura, poñendo en valor as pilas de salgadura e consolidando a edificación existente, ademais de colocar unha serie de estruturas de balancín que se erixan como un miradoiro, reforzando o vínculo do inmoble co mar. Preténdese reproducir así o mecanismo que se identifica coa industria da salgadura de mediados do século XIX.