null O Concello de Ribeira pon en valor a celebración da gala de Nadal de Cáritas como unha cita ineludible da súa programación
O Concello de Ribeira pon en valor a celebración da gala de Nadal de Cáritas como unha cita ineludible da súa programación
Whatsapp: O Concello de Ribeira pon en valor a celebración da gala de Nadal de Cáritas como unha cita ineludible da súa programación

O novo Auditorio municipal de Ribeira dará cabida no sábado, 13 de decembro, á gala de Nadal a favor de Cáritas que levará a escena o alumnado de Mimarte. A apertura de portas comezará ás 19.30 horas para asistir a un evento onde non faltará a música e o humor. Na presentación da cita participaron a alcaldesa, María Sampedro; a concelleira de Cultura, Ana Barreiro; o presidente de Cáritas Ribeira, Manuel Mirás; o párroco de Ribeira, Alfonso Mera; e a artista Tania Fuegho, en representación de Mimarte.

Este festival trátase dunha cita xa consolidada no calendario ribeirense de Nadal que une cultura e solidariedade para contribuír ao desenvolvemento da actividade diaria da entidade sen ánimo de lucro dedicada á acción social e caritativa que axuda ás persoas en situación de vulnerabilidade.

Durante a súa intervención, a rexedora referiuse ao "significado especial" desta gala que promove "esa familia que está sempre coa man tendida á hora de axudar, de programar, de educar incluso e sempre o fan dese xeito altruísta e desinteresado." Así mesmo, a mandataria local quixo apelar á solidariedade da cidadanía e tamén tivo palabras de agradecemento para Mimarte pola súa pegada no mundo cultural.

Para o presidente local de Cáritas, Manuel Mirás, os obxectivos son "concienciar á cidadanía do traballo polos demais e explicar as actividades que levamos a cabo en formación, emprego e axudas cotiás, ademais de agradecer aos colaboradores, socios e doantes pola súa implicación." Como apuntou, o recadado irá para axudar a financiar proxectos e necesidades diarias de atención á poboación en situación vulnerable.

En canto ao contido da gala, a artista Tania Fuegho sinalou que é o segundo ano que Mimarte se encarga da parte artística da cita, na que non faltará a música e o humor, polo que "creo que a maneira máis bonita de aportar á sociedade é dende a arte, dende a risa." Ademais, de invitados especiais non faltará a súa interpretación de Cuento de Navidad, de Charles Dickens, en versión futurista poñendo a mirada no ano 2100. Queren, desta maneira, apelar a "máis humanidade e menos humanoides."

Adquisición de entradas

Os tíckets poden adquirirse a un prezo simbólico de 5 euros na sede de Cáritas Ribeira (praza de Porta do Sol, a carón da igrexa de Santa Uxía) ou no Espazo Mimarte (na avenida Rosalía de Castro, 54). Ademais, para quen non poida asistir á gala, pero desexe igualmente aportar o seu gran de area á causa, habilítanse 200 tíckets na fila 0.

Como xa é habitual, a gala incluirá un sorteo de tarxetas agasallo doadas polo comercio local; unha iniciativa que reforza a colaboración do tecido comercial coa acción social de Cáritas Diocena na comarca do Barbanza. Neste sorteo tamén se terán en conta os tíckets da fila 0.