
A rúa do Sal exaltará un dos produtos do noso mar coa segunda edición do Chopo Saleiro no 23 de maio que promove a Asociación Recreativa e Cultural Rúa do Sal coa colaboración de numerosas entidades, entre elas, o Concello de Ribeira. A alcaldesa, María Sampedro, asistiu á presentación desta festa gastronómica e cultural que exalta as calidades deste recurso marítimo do que Ribeira é un dos principais portos de descarga, con rexistro de vendas de 62 embarcacións de artes menores diversas.
Cinco establecementos hostaleiros ofrecerán a pé de rúa 140 quilogramos de chopo baixo o formato de tres receitas: en empanada, en croquetas e en arroz na súa tinta. A degustación será en horario de 13.00 a 17.00 horas, se ben a celebración está garantida ao longo de todo o día coa actuación de Chiña, ás 13.45 horas; dúo La Granola, ás 19.30 horas; e gran estrea do musical O Camiño do Amor, ás 21.30 horas.
Sampedro manifestou que esta nova convocatoria "busca afianzarse no calendario de actividades municipal como unha forma de poñer en valor o chopo, reforzando así máis, se cabe, o vínculo de Ribeira co mar a través da gastronomía. No pasado, o mar era un medio de subsistencia: a xente saía faenar para traer produto para vender, pero tamén ter comida para poñer á mesa. E con esta festa enxalzamos un deses produtos que forman parte da nosa alimentación, pero que, non obstante, foi perdendo presenza co paso do tempo. Así que agora toca facer todo o posible para que volve ocupar o lugar que merece e quero agradecer, polo tanto, o traballo desenvolvido pola Asociación Recreativa e Cultural Rúa do Sal."
Ribeira destaca tamén, a xuízo da rexedora, polas festas gastronómicas que se celebran. "Percebe, navalla, polbo, lirio e, agora, tamén o chopo. Son moitas as festas que dedicamos aos nosos recursos marítimos porque tamén é unha maneira de celebrarnos como pobo costeiro. Produtos frescos, de calidade e de proximidade; capturados polos nosos mariñeiros", en palabras da mandataria local, quen tamén agradeceu a aposta de Turismo de Galicia para que o musical O Camiño do Amor teña como lugar de estrea o municipio; unha ópera rock que estará conducida polo artista local Toñito de Poi.
No acto de presentación tamén participaron o patrón maior da Confraría de Pescadores de Ribeira, José Antonio Pérez; o xerente la lonxa, Fernando Carreira; a presidenta da Asociación Cultural e Recreativa Rúa do Sal, Raquel Sanlés; o director e produtor de programas da TVG, Carlos Alleres; o director musical, Diego Grande; o artista, Toñito de Poi;
O recadado coas racións de chopo irá destinado á propia Asociación Recreativa e Cultural Rúa do Sal, a Asociación ELA Galicia e o Club de Remo Náutico de Riveira.