
A casa consistorial de Ribeira e a súa contorna mellorarán coa adquisición do novo mobiliario e o proxecto de iluminación da súa praza despois de que o Concello adxudicase os dous contratos por importe total de 97.721,98 euros.
A adquisición do novo mobiliario estará financiado ao abeiro dunha subvención da Xunta de Galicia para o reforzo dos equipamentos municipais nas Administracións locais no desempeño do seu servizo público.
Reutilizarase gran parte do equipamento existente, pero, o feito de dispoñer de máis espazo despois da rehabilitación integral do edificio, redunda na necesidade de incorporar máis de 230 novos elementos entre cadeiras, mesas e armarios.
A empresa Paz-Dismac, S.L. resultou a adxudicataria das dúas que concorreron ao proceso por contar coa mellor oferta por un prezo do contrato de 45.561,36 euros, IVE incluído. O prazo máximo para o subministro do material será de 15 días dende a firma do contrato.
No que respecta á nova iluminación da praza do Concello, búscase solucionar puntos que resultan escuros na actualidade, o que repercute negativamente nas condicións de visibilidade, seguridade e confort dos transeúntes. Ademais, estas deficiencias afectan á adecuada percepción e utilización da praza en horario nocturno. Melloraranse, polo tanto, non só os aspectos anteriormente indicados, senón que tamén a eficiencia enerxética cun novo deseño máis eficaz.
O contrato foi adxudicado á empresa Ferrovial Energía, S.A.U., das seis que concorreron, por unha contía de 52.160,62 euros, con impostos, para o subministro e instalación de seis columnas de iluminación, dotadas cada unha delas dun mínimo de seis proxectores LED, equipados coas correspondentes ópticas adecuadas ás características e necesidades do espazo. Polo tanto, combinaranse nun só dispositivo a luz branca funcional coa iluminación decorativa de distintas cores para festividades e efemérides. Estas columnas resultan dinámicas adecuándose ás distintas funcionalidades. O prazo total máximo será de dous meses.