Novas

As obras de construción do novo polígono de Ribeira licitaranse a finais deste ano
Whatsapp: As obras de construción do novo polígono de Ribeira licitaranse a finais deste ano

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou onte que a previsión da Xunta é que a finais deste ano poidan estar licitadas as obras de construción do novo polígono de Ribeira, logo de asinar no Centro Cultural Lustres Rivas un protocolo coa alcaldesa, María Sampedro, para actualizar o proxecto de urbanización.

Segundo explicou, o Concello, promotor desta actuación, tramitou o planeamento urbanístico, obtivo os terreos incluídos no ámbito e contratou a redación do proxecto de urbanización. Non obstante, cando a sociedade de Xestión do Solo de Galicia (Xestur) comezou a analizar a futura contratación e execución destas obras constatouse que a documentación -a pesar de que resulta válida como base urbanística- precisaba dun maior grao de desenvolvemento e definición técnica polas dimensións e complexidade dos traballos que se van acometer.

Neste senso, dito protocolo é un paso previo para a formalización do convenio que regulará con maior detalle as obrigas e compromisos de ambas as dúas partes, e é necesario para que Xestur -a entidade que asumirá a contratación, financiación e execución deste polígono- tamén se encargue da actualización do proxecto de urbanización.

De acordo a este documento, o que se vai facer é actualizar, entre outras cousas, os estudos topográficos e xeotécnicos, as medicións, as solucións construtivas, as redes de servizo, o orzamento de execución e, no seu caso, a programación por fases da actuación. Todos eses traballos van ser contratados e financiados por Xestur, unha vez que conten co visto bo do Concello.

Unha vez asinado este protocolo, nos seguintes días publicarase a licitación no perfil do contratante de Xestur, coa previsión de ter xa ese documento actualizado antes de que finalice 2026, posto que o prazo previsto é de tres meses dende a adxudicación. Posteriormente, a Xunta procederá a licitar as obras, tamén previsiblemente neste mesmo ano.

''Iniciamos a contratación desa modificación do proxecto, que ten tres meses desde a adxudicación e calculamos que a finais deste 2026 -explicou a conselleira- xa estaremos licitando as obras de acordo a ese proxecto xa adaptado.''

Tal e como manifestou, ''é un día importante para o desenvolvemento industrial de toda a comarca e de Ribeira en particular, onde se constata que hai demanda de solo empresarial, nun concello que o ten todo para seguir avanzando desde o punto de vista económico.''

Pola súa parte, a rexedora destacou que ''unha vez chegamos ao goberno, fomos quen de mercar as parcelas que faltaban. Agora, con tódolos terreos en disposición do Concello, penso que podemos dicir que isto vai arrancar. O Concello vai estar a carón de Xestur para facer todo canto sexa preciso. Estamos orgullosos do traballo feito ao longo destes meses para que Ribeira conte con chan industrial, que suporá tamén un desenrolo económico e fixación de poboación.'' Así mesmo, a mandataria local destacou o traballo da Asociación de Empresarios de Ribeira con relación ao parque empresarial.

Serán case 260.000 m² de solo industrial, preto de 26 hectáreas, que están dentro dos máis de 3,5 millóns de m² que a Xunta está a tramitar na provincia da Coruña.