Noticias

A alcaldesa de Ribeira e a delegada da Xunta supervisan os traballos do obradoiro de emprego Tahume XI na escola infantil municipal e na parcela de San Roque
Whatsapp: A alcaldesa de Ribeira e a delegada da Xunta supervisan os traballos do obradoiro de emprego Tahume XI na escola infantil municipal e na parcela de San Roque

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro; a concelleira de Promoción Económica, Carmen Pérez; e a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo; visitaron as actuacións do obradoiro de emprego Tahume XI; unha iniciativa que está permitindo formar durante nove meses a 20 persoas desempregadas nas especialidades de: actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, actividades auxiliares en aproveitamentos forestais, traballos de carpintería e moble, e aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble.

Durante a visita, desprazáronse aos dous puntos nos que o alumnado-traballador desenvolve os seus traballos, onde puideron coñecer de primeira man a evolución as actuacións e intercambiar impresións coas persoas participantes. A rexedora e a representante do goberno galego destacaron a importancia destes programas para facilitar a adquisición de competencias profesionais e contribuír á mellora da empregabilidade. Concretamente, supervisaron as actuacións de carpintería e moble na escola infantil municipal e as intervencións realizadas na parcela de San Roque de conservación e mellora de montes. En vindeiras datas comezarán cos traballos de renovación da pasarela do Carreiro, en Aguiño.

Obradoiro Tahume XI

Ao longo de nove meses, os alumnos-traballadores desenvolven un total de 29 actuacións de mellora e acondicionamento de espazos, equipamentos e zonas verdes nos municipios de Ribeira e O Porto do Son.

En Ribeira execútanse traballos de fabricación e tratamento de mobiliario para a escola infantil municipal, realizados nas especialidades de carpintería e moble e de aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería. Tamén se están acometendo actuacións de fabricación e instalación de mobiliario en centros educativos, como as mesas rústicas de exterior para o colexio de Carreira e as mesas-merendeiro con banco para o de Deán.

Así mesmo, poñen o foco na mellora e mantemento de diferentes equipamentos municipais, entre eles, a reposición do valado do parque infantil de Sirves e os traballos de mantemento do parque infantil de Caticovas. Outra das principais liñas de traballo está relacionada coa conservación e mellora de montes, con intervencións en parcelas situadas, ademais de en San Roque, en Soidade, Cruxeiras, Frións, Fieiteira, Castelo, Couso, Pedra Sombra, Deán Grande e Conlleira.