A Concellería de Festexos participa activamente na programación da Semana Santa, sen minorar o cariz relixioso propio destas datas. Desta maneira, a través desta delegación recuperáronse tradicións que quedaran escurecidas polo tempo.
Bo exemplo desta recuperación é a creación da CONFRARÍA DO PASO co amparo desta delegación, creada no 1999, conta con setenta confrades que o mércores de Semana Santa acompañan o Paso da “Oración no Horto” en procesión polas rúas da cidade.
Este paso é obra do escultor José Aldrey, esculpida a talla no ano 1957 por encargo dos fregueses Manuel Picher e Emilio Mora que aboaron a cantidade de 88.000 pesetas (529 €). A figura está feita de piñeiro vermello e castiñeiro, e está copiada doutro paso da Semana Santa de Astorga. Representa a Xesús orando no Horto das Oliveiras, acompañado dos apóstolos Pedro, Santiago e Xoán, así como a un anxo co cáliz.
Esta tradición rematou na década dos oitenta; ata daquela saía en procesión coa Confraría do Santo Enterro, que fora presidida, entre outros, polo Marqués de Revilla e José Fernández Cambeiro.
A imaxe foi restaurada no ano 2002 cun custo de 9.015 €, grazas a donativos e ingresos procedentes de rifas e dotacións do comercio e institucións locais, coa Confraría do Paso presidida por Luciano Fernández e sendo membros da Xunta Directiva, José Manuel Pérez, Andrés Pérez, Manuela Rodríguez, Mari Carmen Cores, Juan Lustres, Antonio Nespereira e Mario Vidal.
A procesión sae acompañada dos confrades, de bandas de música, agrupacións de cornetas e tambores, contando coa colaboración da Parroquia de Santa Uxía que dirixe Cesáreo Canabal.
Tamén forma parte da tradición, o DESENCRAVO ou a posta en escena da Paixón de Cristo, que se realizaba en vivo no adro da Igrexa Parroquial a cargo de veciños voluntarios transformados en actores afeccionados. Intentouse recuperar este acto, realizando unha representación no ano 2001, sen que fose posible continuala debido á falta de voluntarios.
A programación complétase con outros actos propios da Semana Santa e levados a cabo pola parroquia de Santa Uxía, tales como a PROCESIÓN DO SANTO ENTERRO E SOIDADE DE MARÍA, BENDICIÓN DE RAMOS, PERDÓN SACRAMENTAL, ADORACIÓN NOCTURNA ou VIXILIA PASCUAL. Tamén coa realización doutros actos significativos e orixinais nas parroquias do municipio, caso do VIACRUCIS POPULAR (polas rúas de Riveira) ou a REPRESENTACIÓN DA ÚLTIMA CEA na parroquia de Aguiño.