Noticias

Unha vintena de homes participa nos obradoiros de batch cooking organizados polo CIM de Ribeira
Whatsapp: Unha vintena de homes participa nos obradoiros de batch cooking organizados polo CIM de Ribeira

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, e a concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, deron onte a benvida aos 24 participantes no obradoiro de batch cooking dirixido a homes e adolescentes maiores de 15 anos de Ribeira -que poden ir acompañados de familiares- organizados polo Centro de Información á Muller (CIM) e promovidos pola Dirección Xeral de Igualdade da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia e Plan Corresponsables.

Sampedro destaca este tipo de iniciativas como "unha ferramenta máis que permite seguir avanzando cara a igualdade real entre mulleres e homes, desta vez, poñendo o foco nas tarefas do fogar para fomentar a corresponsabilidade."

O prestixioso cociñeiro Iñaki Bretal imparte estas clases que se estenderán durante catro xornadas, ata o 27 de agosto, en horario de mañá, na aula de cociña situada no primeiro andar do mercado municipal. Cada sesión comeza cun oco para reflexionar sobre as responsabilidades que asume cada persoa da unidade doméstica e que, no primeiro día, versou sobre manifestar cal é a tarefa do fogar que máis gusta facer e a que menos.

Este é o terceiro ano que se lanzan estes obradoiros de batch cooking; unha técnica de organización culinaria que consiste en destinar un par de horas dun só día para cociñar e deixar listas as preparacións ou bases das comidas que se consumirán ao longo de toda a semana.