Novas

Familias e clubs deportivos de Ribeira asisten á presentación dun programa para o uso saudable da tecnoloxía
Whatsapp: Familias e clubs deportivos de Ribeira asisten á presentación dun programa para o uso saudable da tecnoloxía

Ribeira acolleu na tarde de onte a presentación do programa Adestrar sen pantallas. Gañar en saúde dirixido a familias e clubs deportivos; unha sesión á que tamén asistiron o concelleiro de Deportes, Álex Vidal, e o edil de Sanidade, Vicente Mariño.

Esta iniciativa xorde da man da Fundación Galega Contra o Narcotráfico (FGCN), coa colaboración do Concello, co obxectivo de fomentar un uso saudable da tecnoloxía dende o deporte e previr as adiccións a Internet, móbiles, redes sociais, videoxogos e apostas.

Ribeira, Vilagarcía de Arousa, Cambados e A Estrada serán as localidades nas que se comece a implantar este proxecto piloto que pon o foco sobre a rapazada. Cóntase coa colaboración da Xunta de Galicia, as Administracións locais referidas, clubs participantes, federacións, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade Internacional de La Rioja.

Adestrar sen pantallas. Gañar en saúde céntrase no desenvolvemento de competencias emocionais e relacionais, nos riscos asociados ao uso abusivo das pantallas e nas estratexias para a promoción do benestar dixital; motivo polo que as actuacións previstas buscan instar ás familias e á comunidade para tomar conciencia e fomentar a práctica deportiva e a actividade física como alternativa de lecer saudable e desenvolvemento integral das persoas.