Novas

Sachos na Rúa presenta o Bosque Comestible de San Roque 
Whatsapp: Sachos na Rúa presenta o Bosque Comestible de San Roque 

Ribeira, 6 de outubro de 2025. —  No día de hoxe a consellería de Medio Ambiente capitaneada por Antía Alberte xunto cos membros da asociación agro-ecolóxica Sachos na Rúa presentaron esta nova iniciativa forestal para o Parque Periurbano de San Roque.

Alberte introduciu a presentación poñendo en valor o traballo constante da asociación Sachos na Rúa, “creando unha concienciación  e divulgación medioambiental de cara a un futuro  máis sostible”. A asociación propuxo este novo proxecto que trata de ocupar unha parcela en San Roque para facer nela o que se chama un bosque comestible. A concelleira aseverou que “dende o concello collemos con gañas esta iniciativa de ocupar esta área para a súa rexeneración ambiental acompasada con obradoiros de temáticas variadas” . Neste espazo se farán unhas plantacións de diferentes especies, combinando arbustos, árbores, plantas comúns para a alimentación, castaños, nogais, maceiras…

A continuación interveu Manuel González, tesoureiro da asociación Sachos na Rúa onde presentou máis polo miúdo este proxecto, “que á vez forma parte dun proxecto maior que se chama [Reverdecer Ribeira] que consta de tres partes; a primeira a pedagóxica que estamos levando a cabo con cinco colexios públicos fai xa 5 ou 6 anos, a segunda parte sería a formación na zona urbana dos hortos urbanos que ademais foi unha moción aprobada polo anterior Goberno, que até o día de hoxe non se levou a cabo; e no terceiro punto, que é o que presentamos hoxe e que consiste en crear un bosque comestible”.

González sinalou que aínda que aquí pareza novo, estes bosques “xa levan o seu tempo facéndose en Galicia e na Península”. 

Que é un bosque comestible?

Coller terreos case estériles ou degradados que non se traballan e que se poden aproveitar para recuperalos e utilizalos de maneira pedagóxica 

para as persoas que estean interesadas nestas cuestións poidan intervir para iniciarse no mundo forestal e dos cultivos.

González agradeceu ao concello pola cesión desta parcela manifestando o desexo que no futuro se puidera contar cunha aula permanente para que a veciñanza interesada poda afondar na agro-ecoloxía.

Alejandro Muñíz, deseñador do proxecto e técnico forestal manifestou que a proposta vén sendo un proxecto piloto experimental, “para que  a xente poida ver a evolución dun sistema agro-forestal onde se combinan diferentes especies e aparte que sirva coma unha aula da natureza co obxectivo de volver a crear ese vínculo da xente coa terra”. Muñíz apuntou que tamén é unha resposta alternativa á reforestación convencional xa que esta proposta é moito máis rexenerativa que os monocultivos e aparte pode ser multinacional “para produtos comestibles, para sacar madeira, cestería, plantas medicinais…”