Ribeira, 24 de abril de 2025. – A Policía Local de Ribeira vén de denunciar a sete persoas durante a pasada semana por tirar cabichas ao chan así como ás persoas que non recollen os excrementos dos animais domésticos. Esta actuación enmárcase como parte dos controis aleatorios realizados nas rúas do municipio co obxectivo de que se cumpra a Ordenanza Municipal de Limpeza, que prohibe expresamente este tipo de condutas incívicas.
As infraccións detectadas poden derivar en sancións económicas que oscilan entre os 30 e os 101 euros, segundo o recollido nos artigos 6 e 52 da mencionada ordenanza.
Segundo informan dende o Concello estas medidas non teñen un carácter recadatorio, senón pedagóxico e de concienciación. Non se trata só de evitar as sancións, senón de promover un comportamento responsable que mellore a calidade de vida da veciñanza.
Segundo informou o alcalde, Luís Pérez, “o feito de tirar unha cabicha ao chan ou non recoller os excrementos dos animais pode parecer insignificante, pero ten o seu impacto ambiental e estético xa que provoca moitas molestias. Temos que comprender que respectar as normas básicas de convivencia é fundamental para construír unha vila máis limpa" engadiu o rexedor. Desde o Concello, faise un chamamento á colaboración da veciñanza para manter os espazos públicos en bo estado, lembrando que a limpeza e o respecto común son unha responsabilidade compartida.