· As inscricións rematan o vindeiro mércores 24 de setembro ás 23.59 horas.
· A competición oferta un total de 15 categorías
Ribeira, 19 de setembro de 2025. — No día de hoxe presentouse como cada setembro, unha nova edición dunha das probas con máis con soleira do panorama das carreiras populares da contorna: “XXVI Carreira Popular Santa Uxía – II Memorial Miguel Ruiz”.
Na presentación estiveron presentes, o concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, a presidenta da Asociación de Veciños de Carreira, Marivén Sampedro xunto a Javier Sampedro, técnico de Deportes do concello.
“Unha das probas deportivas máis importantes que temos no noso Concello e das máis lonxevas”, afirmou o concelleiro de Deportes que anunciou que a proba se desenvolverá o vindeiro sábado 27 de setembro na explanada do Malecón. Esta proba forma parte do circuíto provincial da Deputación da Coruña e tamén dos circuítos de carreiras de Barbanza Arousa no marco do Calendario Oficial da Federación Galega de Atletismo.
Vidal destacou entre as 15 categorías, “a de [Zapatilla Inclusiva], onde participan persoas con diversidade o que simboliza un valor fundamental que é o compromiso coa inclusión e coa igualdade de oportunidades no deporte” .
Mantense o circuíto de anteriores edicións, “na categoría absoluta serán 10 quilómetros con saída no Mercado Municipal pasando pola meta do Malecón e facendo o xiro de cara a Coroso, este percorrido de 5 quilómetros se fará dúas veces para completar os 10. Haberá premios para o primeiro, segundo e terceiro clasificado tanto na categoría masculina coma feminina con 300, 150 e 90 euros respectivamente”.
Para rematar o concelleiro chamou á participación para que sexa “a festa do atletismo de Ribeira” e tamén dou os agradecementos e parabéns ao departamento de Deportes, á Policía local, G.A.E.M, á Asociación de Veciños de Carreira, “que sempre nos botan esa man para o perfecto desenvolvemento da proba”, ao Club de Atletismo de Ribeira e a Sport Bike.
Javier Sampedro informou que a categoría “Zapatilla Inclusiva” fará só unha volta de 5 quilómetros; para as categorías menores se montará un circuíto ad hoc no Malecón “que vai a estar totalmente pechado ao tráfico; e para a categoría dos máis pequenos (sub-6) farán unha recta de preto de 200 metros, as categorías, sub-8 farán; 500 metros, sub-10; 700 metros, sub-12; 1.400 metros e sub-14 e sub-16 farán 2.100 metros”.
Os corredores/as terán servizo de duchas unha vez rematada a proba no Complexo Deportivo da Fieiteira ou no Centro da Raqueta de Coroso, un servizo de garda roupa na Oficina de Turismo, avituallamento líquido intermedio no 10K e líquido e sólido ao final de tódalas carreiras. De cara a entrega de premios haberá --como vén sendo habitual– un sorteo de agasallos entre participantes e público.
Sampedro animou á participación así coma a compresión dos veciños polo corte do Malecón para o desenvolvemento das probas.
Inscricions
Os participantes na XXVI Carreira Popular de Santa Uxía – II Memorial Miguel Ruiz poderán realizar a súa inscrición na web www.carreirasgalegas.com e www.emesports.es, con data límite o mércores 24 de setembro ás 23.59 horas.
Prezos da inscrición:
- Categorias base (ata sub 16 incluído): Gratuita
- Proba absoluta (de sub 18 a master): 6,00 €
- Nesta proba abrirase un segundo e prazo final de inscrición ao Circuito de Carreiras Barbanza Arousa 2025.