Buscador

Ribeira aproba un orzamento expansivo centrado no coidado das persoas e nos servizos básicos de calidade
Whatsapp: Ribeira aproba un orzamento expansivo centrado no coidado das persoas e nos servizos básicos de calidade

O executivo local de Ribeira levou ao Pleno extraordinario da Corporación municipal do 28 de maio un orzamento para o exercicio de 2026 de 34.058.22’28 euros, situándose en 4.301.763’93 euros por riba do ano pasado, o que representa un incremento do 14’46%. A aprobación inicial ratificouse cos 13 votos a favor (PP, PBBI e 1 non adscrito) e 7 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e 1 non adscrito).

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, destacou que "con pouco máis de sete meses no mandato, este goberno foi quen de elaborar e presentar a proposta do orzamento municipal para o exercicio 2026.  Fixémolo no exercicio 2025, con apenas 30 días de mandato, e volvémolo a facer agora, por unha razón única e esencial: porque entendemos que cumprir é un acto de responsabilidade. O orzamento municipal é a ferramenta máis importante dun Concello porque determina que se pode facer, con que recursos e en que prazos. Sen orzamento aprobado, un Concello queda practicamente paralizado."

En sentido similar tamén se pronunciou a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, para quen "a elaboración deste documento económico constitúe un dos actos de goberno máis transcendentes do exercicio, a través do cal se trata de presupostar de xeito prudente os ingresos que van permitir atender o gasto corrente necesario para garantir o funcionamento operativo dos servizos na procura da mellora dos mantementos, destinando o excedente ao investimento." Sobre a data na que se debate, aclarou que se agardou a contar cos datos procedentes doutras Administracións públicas para nivelar ingresos e gastos. Pouso apuntou que se equilibrarán as contas da Administración local en consonancia co Plan Económico Financeiro (PEF), "cumprindo cos obxectivos de estabilidade, regra de gasto e endebedamento."

Orzamento expansivo

A rexedora cualificou este documento económico como "expansivo", pois, "permitirá maiores investimentos, maior benestar, maiores cotas de emprego e maior sustentabilidade. É dicir, coidamos aos veciños e atendemos servizos básicos de calidade como pavimentacións e iluminación."

Darase cobertura así a tódolos gastos necesarios para manter a estrutura organizativa do Concello, principalmente gastos correntes (47’60%), que son os necesarios para a correcta atención de tódalas parroquias, pero, sobre todo, "darase resposta ás demandas e necesidades da veciñanza de tódalas parroquias de Ribeira."

Pola súa parte, a edil aclarou que, establecendo unha comparativa sen ter en conta os fondos FEDER, "o orzamento incrementaríase un 6’64%. Isto son máis de 2 millóns de euros a maioresgrazas aos convenios e axudas que este equipo de goberno foi quen de xestionar para tódolos ribeirenses."

Máis de 5 millóns de euros en investimentos

O investimento acada neste exercicio a cifra de 5.292.006’74 euros (un 15’54% do orzamento) para acometer actuacións como obras menores e pavimentacións nas parroquias, por 100.000 euros; melloras nos colexios, con 80.000 euros;o reforzo luminoso nas vías públicas, con 60.000 euros; a reposición da pasarela de madeira do paseo do Castro-A Catía, con 60.000 euros; intervencións nas redes de saneamento (58.000 euros) e auga potable (57.000 euros); ou a reparación do paseo marítimo do Touro- A Ameixida, con 42.000 euros. Aquí tamén se contempla a adecuación do salón de plenos da nova Casa do Concello, por 60.000 euros, e a adquisición de mobiliario para o consistorio, con 40.000 euros. A maiores, recóllense outros a executar con cargo a fondos europeos e do POS+2026.

En consecuencia, equipararase ao municipio con novas infraestruturas, ademais de mellorar e aumentar as prestacións básicas como se constata na partida destinada a pavimentacións, auga, saneamento e iluminación pública.

Destaca o incremento cifrado nun 88% dos servizos de axudas ás familias no eido da conciliación a través do Plan Madruga nos 13 centros educativos do municipio, así como os servizos de conciliación vacacional a través do programa Ribeira Concilia en Entroido, Semana Santa, verán e Nadal, así como no ámbito da educación e os programas de sensibilización e prevención da violencia de xénero, entre outras cuestións. De feito, desenvolverase unha serie de "plans estratéxicos" orientados a ámbitos como a mantementos, pavimentacións, dinamización cultural, comercio, turismo, conciliación, colexios, lavadoiros, seguridade cidadá, mobilidade, mercados en prazas de abastos e posicionamento da marca de cidade.

Segunda fase do POS+Adicional

Durante a sesión plenaria tamén saíu adiante 13 votos a favor (PP, PBBI e 1 non adscrito) e 7 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e 1 non adscrito) á participación do Concello de Ribeira na segunda fase do POS+Adicional 1/2026 da Deputación da Coruña por unha contía de aproximadamente 1.200.000 euros, dos cales 782.158’87 euros irán para a financiación do gasto corrente. A diferencia, 421.835'58 euros, destinaranse ao Plan Complementario que supón á reforma da casa da cultura de Carreira (121.000 euros); a pavimentación e abastecemento en Pedriñas e Lomba (84.744'52 euros); a pavimentación e instalación de rede de pluviais en rúa Mosqueiros (101.928'11 euros); e a pavimentación e renovación de servizos en rúa Serriño (114.163'35 euros).