
Co inicio do mes de outubro comeza a conta atrás para o Nadal e o Concello de Ribeira traballa xa na programación e ornamentación desta época festiva. En consecuencia, a Administración local adxudicou por 217.800 euros anuais, IVE incluído, o subministro, instalación e mantemento da iluminación á empresa Iluminaciones Santiaguesas S.L., ao ser a mellor oferta das dúas empresas que concorreron ao proceso.
O prazo de duración do contrato é de dúas anualidades, que se corresponden co período 2026-2027 e 2027-2028, e podendo prorrogarse por dúas máis nas mesmas condicións.
Estes elementos ornamentais luminosos contribuirán ao embelecemento e ambiente festivo das rúas, así como á promoción e ao fomento da economía local, especialmente, do pequeno comercio e da hostalaría como sectores empresarias estratéxicos para o municipio, pois supoñen un alto porcentaxe das vendas dos negocios.
Colocaranse máis de 450 elementos luminosos (arcos, árbores cónicas, motivos laterais, photocall luminosos, figuras volumétricas...) en todo o municipio, tanto no centro urbano coma nas parroquias. Increméntase así a decoración respecto doutros anos co obxectivo de dotar de maior viveza a todo o termo municipal nesas datas.