Buscador

María Sampedro destaca os 11 proxectos que fan que Ribeira volva ostentar a Bandeira Verde de Galicia
Whatsapp: María Sampedro destaca os 11 proxectos que fan que Ribeira volva ostentar a Bandeira Verde de Galicia

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, recolleu onte a Bandeira Verde de Galicia que ondeará en Ribeira por quinto ano consecutivo pola boa praxe ambiental e de protección e conservación da paisaxe como recoñece a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Trátase dunha distinción que ostenta a localidade de maneira ininterrompida dende o 2022 e que, nesta anualidade, se fundamenta en 11 proxectos enmarcados nunha estratexia global orientada á mellora da sustentabilidade urbana e ambiental, ao impulso da eficiencia enerxética, á protección do patrimonio natural e á promoción dun modelo turístico sostible e inclusivo.

"Son unha serie de accións que evidencian o compromiso do Concello de Ribeira e, polo tanto, deste goberno municipal coa sustentabilidade ambiental, a protección da paisaxe, a mellora da eficiencia enerxética, a conservación do patrimonio natural e cultural e a implantación dun modelo de desenvolvemento territorial sostible, integrador e resiliente, plenamente aliñado cos principios e obxectivos promovidos polo distintivo. Proxectos que non só se limitan ao centro urbano, senón que tamén chegan a diferentes parroquias para centrarse tamén en servizos básicos", destaca a rexedora.

Proxectos recoñecidos

As actuacións que se impulsaron foron, en materia urbanística, o Plan de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD) ‘Ribeira, destino litoral sostible’ con diversas intervencións para a conservación e difusión do patrimonio cultural e natural do municipio, promovendo, ao mesmo tempo, un turismo sostible eficiente e innovador.

A maiores, substituíuse o ascensor da casa consistorial para mellorar as condicións de accesibilidade universal de dito edificio.

En canto a protección, xestión e ordenación da paisaxe, o municipio dispón do roteiro turístico ‘Costa de Corrubedo (Monte Tahume – Faro Corrubedo – Parque Natural de Corrubedo)’; un itinerario de elevado interese paisaxístico que percorre unha das contornas naturais máis representativas e mellor conservadas da costa galega.

No que respecta a cambio climático e sustentabilidade ambiental, levouse a cabo a rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética da casa consistorial mediante unha renovación integral do inmoble.

En relación coa protección do patrimonio natural e a infraestrutura verde, desenvolvéronse accións para o control e erradicación da especie exótica invasora Cortaderia selloana. Así mesmo, executouse a posta en valor da contorna litoral da Ameixida.

Tamén se redactou o proxecto de recuperación e posta en valor da senda dos muíños de auga do río Saíñas, co obxectivo de potenciar unha senda ecolóxica que facilite o acceso ao patrimonio etnográfico e arqueolóxico da contorna.

Finalmente, no ámbito da xestión hídrica e dos residuos, a Administración local ampliou a rede de abastecemento de auga potable na estrada DP-7304, que permitiu mellorar a prestación dos servizos básicos en asentamentos distintos do núcleo principal.

Implantouse un punto limpo móbil composto dun módulo de recollida separada de residuos, con 10 fraccións, e dun vehículo para o seu transporte.

Neste senso, o Concello iniciou a principios de ano unha campaña de sensibilización en relación coa recollida selectiva de biorresiduos e apostouse por simplificar o sistema de apertura dos colectores marróns xa instalados nas rúas.

E, nos colexios, impartíronse obradoiros de concienciación medioambiental mediante a realización de casiñas para paxaros con material totalmente reciclado.